Xunta de Galicia e Deputación de Ourense rematarán unha zona lúdica acuática en Monterrei

Cun investimento de case 3,6 M€ a executar no bienio 2025-2026

Ourense | A Deputación de Ourense, en convenio coa Xunta de Galicia, garante o remate do parque acuático de Monterrei cun investimento de case 3,6 millóns de euros, por parte da institución provincial, para a execución das tres fases que restan do proxecto, obras que se realizarán no bienio 2025-2026.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Deputación, Luis Menor, asinaron este acordo de colaboración para finalizar unha zona lúdica acuática que, xunto coa área deportiva realizada nunha fase previa, requirirá dun investimento de preto de 13 millóns de euros.

Desta cantidade, 7,8 millóns corresponderon á primeira fase do proxecto, financiados pola consellería a través da Secretaria Xeral para o Deporte. Esta fase inicial incluíu o edificio principal de servizos e accesos; unha zona acuática infantil; área de tobogáns e piscinas.

Agora e mediante este convenio entre as administracións autonómica e provincial séntanse as bases para completar as fases II, III e IV das obras previstas na zona acuática do complexo de Monterrei, situada no Pereiro de Aguiar. As novas etapas do proxecto consisten na ampliación das instalacións con novos vasos, tobogáns e outros elementos de lecer.

Con este fin, a Deputación destinará unha partida de preto de 3,6 millóns de euros a executar en dúas anualidades. No ano que está a piques de empezar, a institución provincial investirá 1,5 millóns (o 41,85% do total), e no ano 2026 consignaranse case 2,1 millóns.

Unha “gran noticia” para comezar o ano
Monterrei convértese así nun amplo complexo lúdico-deportivo onde se integran dúas zonas diferenciadas, pero complementarias. Por unha banda, a citada área acuática. Por outro lado, unha zona deportiva que xa está executada e na que se localizan unha pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track. “Este acordo é sen dúbida unha gran noticia para comezar o ano”, afirma Luis Menor, quen destaca o número de usuarios rexistrados este verán, preto de 97.000, “aínda sen estar finalizado por completo o proxecto”. Un dato que demostra que o parque acuático está chamado a ser “un dos grandes atractivos turísticos e de ocio non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal”.

Deixa unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.