Santiago de Compostela | A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño.
Así o acordaron o titular deste departamento da Xunta, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.
Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.
Todos estes instrumentos, tal e como lle trasladou o conselleiro ao rexedor municipal, teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural.
Ao tempo que tamén se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.
No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.
Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa.
Ademais, a xuntanza serviulles aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.