Ponteareas | A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, mantivo hoxe unha xuntanza coa decena de mozos e mozas que comezan a súa primeira experiencia laboral a través do programa Xuventude Mentoring na Empresa, da que o Concello de Ponteareas resultou incluído, onde resaltou a colaboración dos organismos municipais con este tipo de iniciativas que impulsa o Goberno galego para ofrecer á mocidade este tipo de estadías formativas.
No marco desta visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que o obxectivo desta proposta, que xa vai pola súa segunda edición, é ofrecer aos mozos galegos períodos de formación de ata catro meses en compañías ou entidades vinculados a sectores económicos estratéxicos de Galicia. No caso do concello de Ponteareas, que conta con nove empresas adscritas, Lara Meneses agradeceulles a súa participación e resaltou que “esta experiencia será moi enriquecedora tanto para os mozos participantes como para as institucións que lles brinden esa oportunidade no eido laboral”.
Para o Xuventude Mentoring na Empresa, o Goberno galego destina 1,5 millóns de euros, financiada nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. As asociacións e concellos que reciben estas axudas contan cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas durante catro meses, cunha duración de 100 horas ao mes e de catro días a semana. O importe máximo concedido a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto é de 140.000€ e as persoas participantes recibirán unha bolsa dun mínimo de 661,5€ ao mes e contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola institución beneficiaria.
As empresas ou organizacións públicas ou privadas que acollerán ás persoas en prácticas atópanse vencelladas a sectores estratéxicos na Comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, o téxtil, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.