Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia e o Concello de Baiona abordarán unha planificación integral de posibles actuacións a executar no estuario da Foz para poñer en valor esta zona, localizada no río Miñor e que forma parte da Zona de especial conservación (ZEC) da Ramallosa.
Así o acordaron esta tarde a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Mato, durante a reunión que mantiveron en Santiago para avaliar diversas cuestións de interese municipal.
De igual xeito, en materia urbanística, a responsable autonómica comprometeuse a retomar o proxecto de humanización da Avenida de Sabarís, unha actuación de acondicionamento iniciada hai anos e en cuxa execución xa colaboraron ambas administracións a través do chamado Plan Hurbe. Neste sentido e tras lembrar que das tres fases en que se dividiu a intervención, dúas xa foron executadas, vicepresidenta e alcalde analizaron os traballos pendentes e que se corresponden coa fase intermedia.
Cómpre lembrar que grazas aos convenios de cooperación asinados entre Xunta e concellos no marco do Plan Hurbe, desde o ano 2010 xa se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas co obxectivo común de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.