Arbo | A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia Ethel Vázquez presentou o proxecto de obras de abastecemento de auga para o Concello de Arbo, xa licitado e cuxo prazo de presentación de ofertas vén de finalizar, sendo un total de 10 as empresas que trasladaron o seu interese por levar a cabo estas actuacións.
Acompañada do alcalde arbense, Vázquez explicou que os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses, polo que antes de que finalice o próximo verán, os veciños de Arbo dispoñerán dunha rede de abastecemento renovada e eficiente.
A intervención é froito da colaboración selada entre Xunta e Concello a finais do pasado ano, pola cal a Administración autonómica achega máis de 2,1 M€, ademais de contratar e executar as obras; e o municipio poñen o financiamento restante, preto de 163.000 €.
Sinalou que estas actuacións resolverán os problemas no sistema de abastecemento municipal, tendo en conta que Arbo abastécese actualmente dunha captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. A actuación busca solucionar as deficiencias na captación do río Deva, que abastece á práctica totalidade do municipio, unha vez finalizada a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia.