Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación por preto de 225.000€ as obras de restauración do templete de San Luis, obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso a primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou ao Porriño no ano 1970.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica o inicio do proceso de contratación desta obra que contará cun prazo de execución de cinco meses para resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.
Así, o que se pretende conseguir con este contrato é acadar un espazo axeitado para obra do arquitecto Antonio Palacios mellorando a súa presenza no lugar e poñendo en valor a peza ao tempo que se lle devolve o seu carácter arquitectónico. Ademais, tamén se prevé reparar os danos nos elementos construtivos e dotado dunha cuberta e dun chan que facilite a súa conservación.
Para conseguilo as empresas poderán presentar as ofertas ata o 5 de febreiro e as actuacións previstas inclúen a limpeza e restauración da fábrica de pedra para, a continuación, realizar un revestimento de granito que permita recuperar o seu aspecto.
Ademais, eliminaranse os muretes que o delimitan no parque facilitando que sexa accesible desde todas as direccións e proxectarase unha pavimentación con granito azul noite xerando un espazo propio dentro do conxunto do parque.
O proxecto complétase cunha cuberta para protexer ao edificio das inclemencias metereolóxicas e dar acubillo a posibles actividades, coa instalación dun elemento de vidro semellante ao cartel orixinal da parada do Metro e a incorporación cun novo sistema de iluminación de presenza e ornamental.
Por último, co fin de axudar a entender á veciñanza e visitantes o que foi esta edificación, reflectirase no despece do pavimento e marcarase a proxección da antiga marquesiña cun cambio de textura.
Construído en 1919
O templete foi construído en 1919 por Antonio Palacios para acceder á estación de Metro na Gran Vía en Madrid. Está incluído no proxecto que lle encargou en 1917 a Compañía Metropolitana e que comprendía o deseño e a decoración de todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Ventas. A construción orixinal contaba cun ascensor no seu interior que quedou en desuso despois de colocarse as escaleiras mecánicas. Isto acelerou a súa desmontaxe en 1970. Foi posteriormente enviado ao Porriño por ser a cidade natal do arquitecto, despois de varias alternativas para a súa localización en Madrid e na actualidade está colocado no Campo da Feira.