Xunta de Galicia licitou as obras de restauración da fachada occidental catedral de San Martiño

As actuacións resolverán as patoloxías das terrazas norte e sur e a colocación de iluminación do Pórtico do Paraíso

Ourense | O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, visitaron a catedral de San Martiño de Ourense, para anunciar a recente licitación das obras de terminación das actuacións de restauración da fachada occidental por un importe de case 84.000 euros.

O delegado celebrou a nova e destacou o compromiso do Goberno galego con este Ben de Interese Cultural no que leva investidos preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015 con actuacións como as feitas na rexería, púlpitos e sancristía ou a que estamos a piques de principiar.

Manuel Pardo sinalou que esta actuación culminará as obras de mellora na conservación de diversas zonas do conxunto catedralicio, como a resolución dalgunhas das patoloxías prioritarias do templo como os problemas de humidade e a instalación dun nova iluminación que modernizase a contemplación do Pórtico do Paraíso que se viñan desenvolvendo dende 2021 con investimento inicial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de preto de 350.000 euros.

“A influencia das catedrais na sociedade e o seu impacto na historia urbana convértenas en elementos fundamentais da cultura e da identidade dunha cidade”, destacou Manuel Pardo; que tamén subliñou, “ademais da importancia relixiosa e cultural, as catedrais xogan un papel fundamental no desenvolvemento do territorio no que se atopan e a catedral de San Martiño non é unha excepción”. O delegado territorial referiuse a esta edificación como “unha das maiores xoias da Vía da Prata”, e que o obxectivo da Xunta de Galicia é que estes bens “continúen sendo unha testemuña da nosa identidade”.

A Administración autonómica puxo en marcha o Plan Catedrais Galicia 2021-2027, unha folla de ruta dotada con 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.

As actuacións previstas están dirixidas a resolver de maneira definitiva as patoloxías das terrazas norte e sur, tras a fachada oeste; o peche de óculos e pequenos rosetóns de rúas laterais; a colocación de proteccións de zinc en cornixas; a colocación de iluminación do Pórtico do Paraíso, e incluso a ordenación do cableado.