As Neves | O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso González, asinaron un convenio no que se establecen as bases do cofinanciamento por importe de máis de 39.000 euros, co obxecto de levar a cabo as obras de reforma para a mellora da accesibilidade.
O centro de saúde das Neves conta con acceso directamente desde o vial-aparcamento de dirección única, no que os desniveis a salvar son importantes tanto para os usuarios como para os servizos de saúde que atenden as urxencias. Con esta actuación facilitarase o acceso aos aseos dunha maneira cómoda tanto ás persoas de avanzada idade como ás de mobilidade reducida.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde das Neves contarán cun centro de saúde con mellor accesibilidade.
Colaboración cos Concellos
A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
No orzamento para o 2024, a Xunta volve incrementar a contía destinada a esta finalidade, superando os 2,6 millóns de euros. Con isto, o Executivo galego destinou desde 2017 máis de 17 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal. En particular, o Concello das Neves recibiu no 2023 a cantidade de 6.413 € euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.
Renovación de infraestruturas de atención primaria
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 135 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 85.000 metros cadrados. A eles hai que engadir os 4 que están actualmente próximos a finalizar ou en marcha (Lalín, Porriño, Moaña e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 158 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos años se puxeron en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e Rúa Cuba.
Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante a pasada lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros, senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.