Mos | A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de contar con instalacións innovadoras adaptadas á realidade dos profesionais do mar para facilitar a súa actividade e facela máis competitiva. Nesta liña puxo en valor o papel que desempeñou a planta de frío e elaboración de produtos do mar que ten en Mos a empresa Hermanos Fernández Ibáñez Consignatarios de Pesca durante varios meses da pandemia do coronavirus e a súa capacidade de adaptación a este contexto.
Así o sinalou na visita a estas instalacións, onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Alí a titular de Mar explicou que grazas a esta infraestrutura a frota de palangre de superficie puido almacenar as súas capturas durante moitos meses de pandemia, pois no inicio da alerta sanitaria e ante as dificultades de comercialización, a empresa incluso ampliou a capacidade de frío da que dispoñía a planta.
Ademais expuxo que esta instalación conta con cámaras de -50ºC que permiten manter o produto ultraconxelado, en particular atún procedente do océano Índico con todas as súas propiedades organolépticas desde a súa recepción ata a súa distribución. Deste xeito esta planta, deseñada con características de eficiencia enerxética, dedícase á preparación, clasificación e almacenamento de peixe para a súa elaboración e venda, unha parte del para o consumidor final en grandes superficies. Isto convértena na primeira deste planta deste tipo en Galicia e na máis innovadora de España.
Neste sentido, Rosa Quintana destacou a importancia de brindar apoios ao sector para dotar a actividade de instalacións que faciliten o seu labor. Máis aínda se cabe, incidiu, nun contexto marcado polas dificultades derivadas da covid-19 no que o sector marítimo-pesqueiro foi declarado esencial.
“A conselleira do Mar lembrou que esta planta recibiu unha axuda da Xunta de máis de 5,3 millóns de euros na convocatoria de achegas de 2019 a pemes de transformación de produtos do mar”
A conselleira do Mar lembrou que esta planta recibiu unha axuda da Xunta de máis de 5,3 millóns de euros na convocatoria de achegas de 2019 a pemes de transformación de produtos do mar. Tamén sinalou que na convocatoria deste ano o Executivo galego destina a estes apoios un total de 16 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Con elas, subliñou, o Goberno autonómico apoia ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental e son subvencionables, entre outros proxectos, aqueles que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano. Tamén son subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización.
A titular de Mar tamén expuxo que na convocatoria do ano pasado beneficiáronse destas achegas máis de 40 proxectos por un importe de preto de preto de 15 millóns de euros e que desde 2016 se concederon este tipo de apoios a arredor de 230 iniciativas de transformación de produtos do mar por valor de máis de 57 millóns de euros.
A planta de ultraconxelado
A planta de frío e elaboración de produtos ultraconxelados do mar aséntase en Mos sobre unha parcela de 12.000 metros cadrados. Con ela Fernández Ibáñez aumenta o espazo frigorífico, superando a capacidade que ten a empresa no porto de Vigo, que é de 8.000 metros cadrados e creou arredor dunha trintena de empregos. Isto permítelle mellorar os procesos produtivos, captar novos tráficos e establecer novos mercados.
O obxectivo é poder atender adecuadamente a crecente demanda de produtos pesqueiros de alta calidade primando a eficiencia enerxética, minimizando o impacto ambiental e mellorando a súa seguridade alimentaria xa que permite desembarcar e almacenar produtos pesqueiros ultraconxelados sen necesidade de elaboralos ou vendelos a curto prazo.
Hermanos Fernández Ibáñez Consignatarios de Pesca dedícase ao comercio ao por maior de peixe e marisco fresco e conxelado. Leva 70 anos desempeñando a súa actividade no porto de Vigo, onde están localizadas as súas oficinas centrais e onde tamén dispón dunha planta frigorífica e de elaborado de produtos do mar, entre outras instalacións. A empresa construíu en 2019 en Mos a segunda nave frigorífica e de elaborado.