San Cristovo de Cea | José González, conselleiro do Medio Rural, acompañado por Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense e José Luís Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea, mantivo un encontro coa veciñanza desta localidade ourensá.
O obxectivo foi afondar nas vantaxes da Lei de recuperación da terra agraria e das ferramentas que nela se recollen.
O conselleiro remarcou a importancia desta medida para potenciar a actividade económica e social no rural, especialmente nos terreos que se atopan en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos que se inclúen neles.
En definitiva, sinalou, o fin destas ferramentas como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario, é impedir ou reverter o abandono do rural ao mesmo tempo que protexen o medio ambiente, creando emprego e apoiando á prevención e defensa fronte aos incendios forestais.
Novidades para o 2024
O conselleiro definiu o 2024 como uno clave para a consolidación das ferramentas recollidas nesta norma. Así, José González destacou que no vindeiro ano poranse en funcionamento -licitándoos para aluguer ou venda- os primeiros polígonos agroforestais, que serán os de Oímbra e Cualedro, ambos na provincia de Ourense. De cara ao futuro, reiterou o compromiso da Xunta de axilizar estes procesos o máximo posible.
No vindeiro ano tamén se activarán as primeiras agrupacións forestais e xestión conxunta, vinculadas a plans piloto para a recuperación de soutos tradicionais. Neste caso, localizaranse nos concellos ourensáns do Bolo, onde haberá dous, Parada de Sil e A Veiga, e nos lucenses do Incio, Paradela e Folgoso do Courel.
No caso das aldeas modelo, sinalou, as 21 aprobadas estarán en funcionamento no próximo ano e estarán listos catro plans de dinamización. Ademais, porase en marcha o primeiro centro de experimentación agraria, na aldea modelo de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia. Todo iso, ao mesmo tempo que se seguen potenciando as permutas de especial interese agrario.
O conselleiro destacou que a Xunta destinará no 2024 arredor de 13 millóns de euros para continuar impulsando os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria e os proxectos vencellados a ela.
Un total de 7,4 millóns de euros empregaranse nos polígonos agroforestais e as aldeas modelo; 2,4 millóns serán para impulsar as agrupacións de xestión conxunta e 3 para proxectos vinculados a estas ferramentas, como son os plans de dinamización e outras iniciativas innovadoras.
Impacto da Lei de recuperación da terra agraria
José González destacou que grazas a esta lei, en vigor desde 2021, e co labor das concentracións parcelarias, a Xunta mobilizou máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade no que vai de lexislatura.
Só en polígonos agroforestais, Galicia conta con 26 en distintas fases de execución, dos cales 17 se atopan na provincia de Ourense, permiten a posta en valor de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. No caso das aldeas modelo, son 21 as aprobadas en todo o territorio galego e 14 atópanse na provincia ourensá.
O titular do Medio Rural quixo recalcar que todas as accións vinculadas á Lei de recuperación da terra agraria teñen o claro obxectivo de dinamizar o territorio, xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural, e tamén para anticiparse aos incendios forestais e diminuír os danos que poidan causar.