Santiago de Compostela | A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia publicou este 17 de xaneiro no DOGA a resolución pola que se seleccionan, con carácter experimental, os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que se incorporarán a Rede de Centros “Ponte… nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)” durante o curso 2024/25.
A continuación reproducimos íntegramente a devandita Resolución:
“Resolución do 17 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se seleccionan, con carácter experimental, os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que se incorporarán a Rede de Centros “Ponte… nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)” durante o curso 2024/25.
A Convención de 2003 para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial recoñece a transmisión mediante a educación formal e non formal como unha medida clave de salvagarda e insta aos Estados a promover o recoñecemento, o respecto e a valorización do Patrimonio Cultural Inmaterial mediante programas educativos tanto en contextos de aprendizaxe formal nos centros educativos como en contextos informais coas comunidades de portadores.
O Patrimonio Cultural Inmaterial ou patrimonio vivo é unha herdanza dos antepasados que se transmite aos sucesivos descendentes e nel inclúense, segundo a UNESCO, as tradicións orais, as artes do espectáculo, os usos sociais, os rituais e actos festivos, os coñecementos e as prácticas relativas á natureza e ao universo, e os coñecementos e técnicas vencelladas á artesanía tradicional. Trátase dun patrimonio que infunde un sentimento de identidade e continuidade e que promove a cohesión social, o respecto pola diversidade cultural e a creatividade humana. Ademais, axuda ás comunidades a construír sociedades resilientes, pacíficas e inclusivas.
A nivel autonómico, a Lei 5/2006, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no seu título V, artigo 69.1, establece que “as administracións públicas adoptarán unha política xeral encamiñada a salientar a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade como elemento de carácter identitario, así como a integrar a súa salvagarda nos seus programas de planificación, especialmente mediante os programas educativos e de sensibilización adecuados para o recoñecemento, o respecto, a difusión e a valorización do patrimonio cultural inmaterial na sociedade, nos que a infancia e a xuventude ocuparán un lugar relevante”. No título IX, artigo 122.2 referido á difusión, formación e educación indica que “promoverase no sistema educativo o coñecemento do patrimonio cultural de Galicia así como o aprecio á súa protección e valorización como ferramenta para a convivencia e a cohesión social”.
Por outra banda, a LEI 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía recolle o deber dos poderes públicos galegos para promover o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas para afondar nos vencellos que unen Galicia cos países e comunidades de lingua portuguesa e polo carácter estratéxico que para Galicia teñen as relacións económicas e sociais no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.seu artigo primeiro.
Ademais, a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras “Edulingüe 2030” da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade pretende darlle un impulso á formación plurilingüe, fomentando programas que axuden ao desenvolvemento dunha formación que facilite a cooperación internacional e seguindo as competencias clave definidas polo Marco Común Europeo, que especifica a comunicación en linguas estranxeiras como unha delas.
Nesta liña, “Ponte… nas ondas!” naceu no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula de favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa co ámbito da Lusofonía para cubrir a necesidade de tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses. Outro piar do modelo para “Ponte… nas ondas!” constitúeno os medios de comunicación, co obxectivo de abrir as aulas á realidade que as rodea e, ao mesmo tempo, familiarizar ao alumnado na práctica cos medios, formando cidadáns e cidadás conscientes e preparados para afrontar os desafíos da sociedade da información. A radio escolar é un dos piares da posta en práctica dos traballos realizados co Patrimonio Cultural Inmaterial.
Neste senso, dende a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional continúase o Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares co desenvolvemento de novos ámbitos de actuación para este período, contemplando o reforzo dos programas que inciden na alfabetización mediática e informacional do alumnado, como Radio na biblio, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos. Tendo en conta todo o anteriormente exposto, cabe precisar que a lingua portuguesa destaca por ser o idioma do noso país veciño e por ser considerada a lingua máis importante do hemisferio sur.
A proximidade xeográfica, pero tamén cultural, fai que “Ponte…nas Ondas!” destaque como unha iniciativa que pretende poñer en valor e recuperar o Patrimonio Inmaterial galego-portugués a través da realización de programas de radiodifusión e doutras actividades desenvolvidas por centros educativos de Galicia e Portugal. O traballo desenvolvido ata o de agora pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! serviu para que a iniciativa fora inscrita no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO no 2022 como un modelo de referencia.
De acordo co anteriormente exposto, esta Dirección Xeral RESOLVE:
Primeiro. Obxecto Esta resolución ten por obxecto seleccionar os centros que se incorporarán á Rede de Centros “Ponte..nas ondas!” durante o curso 2024/25.
Segundo. Ámbito de aplicación Poderán incorporarse á dita Rede ata un máximo de 10 centros educativos públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante Consellería) que impartan as ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Priorizarase a participación daqueles centros que sexan admitidos no programa Radio na Biblio.
Terceiro. Definición do programa “Ponte…nas ondas!”
“Ponte…nas ondas!” é unha iniciativa que ten como finalidade a promoción de actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. Á traxectoria iniciada en 1995 e á finalidade inicial da promoción da identidade común entre os pobos galego e portugués engadiuse no 2002 o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común de Galicia e Portugal, con presenza en todo o ámbito da lusofonía.
O desenvolvemento do modelo realízase a través da elaboración de programas de radiodifusión entre centros educativos, cunha especial implicación dos centros situados nas inmediacións da fronteira de Galicia e Portugal, aínda que tamén coa colaboración excepcional de centros de países como Arxentina, Cuba, Chile ou Colombia. No 2022 o XVII Comité Intergobernamental da UNESCO aprobou a inscripción de Ponte…nas ondas! no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de referencia, sendo a primeira para Galicia e Portugal.
A través da participación en “Ponte… nas ondas!” os centros educativos contarán cunha serie de recursos e serán recoñecidos como centros “Ponte… nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.
Cuarto. Obxectivos xerais do programa Ponte… nas Ondas!
Con este plan preténdense lograr os seguintes obxectivos:
1. A posta en valor do Patrimonio Inmaterial galego-portugués.
2. O establecemento de canles de comunicación entre Galicia, Portugal e os países lusófonos, aproveitando os vínculos lingüísticos.
3. Fomentar dende o ámbito educativo a implantación de iniciativas que contribúan ao coñecemento e consecución dos ODS da Axenda 2030, prestando especial atención ao ODS 4 que busca garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, así como ao ODS 17, que fomenta as alianzas para lograr os obxectivos.
Quinto. Proceso e prazo de solicitude
1. Todo o procedemento de solicitude será realizado pola persoa responsable da dirección do centro a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/. Esta solicitude consistirá nun proxecto vencellado ao Patrimonio Cultural Inmaterial galego-portugués e á súa posta en valor a través da radiodifusión e doutras actividades complementarias que se consideren pertinentes.
2. O prazo para presentarse a esta convocatoria comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo e rematará o día 30 de xaneiro de 2025.
Sexto. Criterios de admisión e comisión de selección
1. Asignarase unha puntuación máxima de 50 puntos ao proxecto presentado tendo en conta a participación con anterioridade no programa “Ponte… nas ondas!”, a orixinalidade e interese do proxecto presentado, os medios técnicos e humanos e a implicación das familias e entidades alleas ao centro educativo. Do mesmo xeito, valorarase positivamente ter participado no Plambe 2022/23 e ser admitidos no programa Radio na Biblio. Será condición indispensable acadar unha puntuación mínima de 25 puntos para asegurar unha mínima calidade do proxecto a desenvolver. Os centros que non acaden esta puntuación mínima non serán admitidos.
2. A comisión de selección estará integrada polos seguintes membros: Presidencia: a persoa titular; Vogais: un representante da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!; un representante da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO); a persoa titular da Xefatura do Servizo de Innovación e Programas Educativos, ou persoa en quen delegue; dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.
3. A comisión poderá dispoñer a constitución de comisións técnicas, compostas por persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.
Sétimo. Recoñecemento e certificación
1. Os centros participantes recibirán o distintivo “Modelo Ponte… nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, que figurará na súa páxina web e na documentación impresa.
2. A Consellería certificará, segundo a normativa vixente, a participación activa do profesorado no programa “Ponte… nas ondas!” como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 10 horas de formación permanente do profesorado. Esta certificación estará supeditada á avaliación positiva da memoria na que se detalle o desenvolvemento do programa realizada pola comisión de selección.
3. Aqueles/as docentes participantes na xornada de formación específica recibirán unha certificación correspondente a 8 horas de formación do profesorado.
4. A Consellería difundirá aqueles proxectos que destaquen polo seu carácter innovador e interdisciplinar.
Oitavo. Resolución
1. Unha vez rematado o proceso de selección das solicitudes, a comisión de selección fará pública a resolución provisional (http://www.edu.xunta.gal/portal/) no portal educativo desta consellería.
2. A publicación da resolución provisional abrirá un prazo de 3 días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A), xunto coa documentación complementaria. No asunto do formulario deberá incluírse o nome do programa “Ponte…nas ondas!”. Para a presentación das reclamacións e renuncias poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.g al/tramites-e-servizos/chave365)
3. Transcorrido este prazo, a comisión de selección realizará a valoración das reclamacións e renuncias recibidas, e deseguido elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que adoptará a resolución definitiva dos centros seleccionados en cada programa.
4. As reclamacións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución definitiva que se publicará no portal educativo http:///www.edu.xunta.gal/portal.
5. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. O prazo máximo para resolver este procedemento será de tres meses. Se transcorrese o citado prazo sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Noveno. Participación, seguimento e avaliación dos proxectos
1. O profesorado participante realizará unha xornada formativa recoñecida con 8 horas de formación do profesorado.
2. No desenvolvemento do proxecto contemplaranse actividades específicas para conmemorar o Día Mundial da Radio (13 de febreiro), o Día Interncional do Patrimonio Cultural Inmaterial (17 outubro) e o Día Internacional do Patrimonio (16 de novembro), ademais doutras datas ou actividades propostas por “Ponte… nas ondas!” e as que o centro educativo considere.
3. Os centros enviarán unha memoria, de acordo co modelo que facilite esta Dirección xeral Patrimonio Cultural Inmaterial e a radio escolar en formato dixital para a súa publicación no portal Escolas nas Ondas.
4. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! realizarán o seguimento e posterior avaliación de acordo cos criterios establecidos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.
5. A valoración positiva da memoria será indispensable para acadar a certificación de innovación educativa do profesorado participante. Décimo. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás Administracións públicas, organismos e/ou entidades que participan neste plan no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida. No caso de existir diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán en todo caso aquelas relativas ao Regulamento (UE) 2016/679, Xeral de Protección de Datos ou a Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais. En Santiago de Compostela, na data da sinatura dixital Judith Fernández Novoa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa”.