Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia e o Goberno central retomarán os contactos con Icomos no mes de setembro e ampliarán o grupo que traballa na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade no mes de setembro.
Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia, onde avanzou as actuacións que porán en marcha os técnicos do Ministerio e da Consellería de Cultura para avanzar na declaración deste territorio como Patrimonio Mundial.
“O Goberno galego segue crendo no potencial da Ribeira Sacra e por iso continuaremos abordando este desafío ata conseguir o si definitivo”, afirmou o responsable autonómico de Cultura, quen explicou que a decisión estratéxica de aprazar o último paso da candidatura fíxose tendo en conta “os intereses do patrimonio galego e pensando sempre no mellor para o país”. “Desde que iniciamos este reto fomos quen de ir superando todos os pasos en tempo récord e logramos o maior dos nosos propósitos: valorizar e protexer a Ribera Sacra xerando orgullo e ilusión”, afirmou.
“O Goberno galego segue crendo no potencial da Ribeira Sacra e por iso continuaremos abordando este desafío ata conseguir o si definitivo”
Román Rodríguez explicou que o obxectivo compartido co Goberno central é “seguir camiñando na mesma dirección” e avanzar para facer da Ribeira Sacra “un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”. “A decisión de pospoñer os trámites finais é unha oportunidade para fortalecer o noso traballo e mellorar algúns aspectos para que poidamos acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra”.
Para iso, tal e como apuntou, apostarase por “intensificar o noso traballo a todos os niveis co fin de acadar unha mellor compresión dos valores excepcionais que fan que a Ribeira Sacra mereza o máximo recoñecemento da Unesco”.
Proxecto de país
Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura tamén fixo un chamamento para que “todos os partidos da Cámara” se unan e traballen “con honestidade” xunto coa Xunta de Galicia e o Goberno do Estado neste territorio “para consolidar o seu gran potencial desta paisaxe que conta cun gran futuro e que é hoxe máis coñecido que nunca”. “Estou seguro de que estamos preto de conseguir o noso obxectivo, pero precisamos a implicación de todos neste proxecto de país no que xa están involucrados decenas de axentes e máis de 60.000 veciños.
En paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha para este territorio como o Plan Ribeira Sacra, a folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe a diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do territorio, a promoción turística ou a conservación do patrimonio e dos valores, xunto a outros como o Plan de Sustentabilidade Turística ou os avances cara a declaración de Reserva da Biosfera.
“En paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha para este territorio como o Plan Ribeira Sacra”
Ademais, o obxectivo é complementar estas medidas co proxecto presentado aos fondos europeos Next Generation para actuar sobre este territorio e que aspira a captar carenta millóns de euros.