Avión | A localidade ourensana de Avión volverá a converterse o venres 12 de agosto na sede da súa Festa Mexicana, “a mellor festa mexicana que se celebra en España“, en palabras do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, que participou na presentación da XVI edición da festa xunto ao alcalde deste municipio, Antonio Montero, a organizadora, Isabel Gabián, e Marcelo Quintana e Jesús Carrillo, representantes -respectivamente- dos restaurantes mexicanos Rincón Azteca do Carballiño e El Mexicano Taco Bar (A Coruña), colaboradores xunto ao Chilam Balam (Vigo) e o Mesón Mexicano (Tourón – Pontecaldelas).
Na súa intervención, Rosendo Fernández resaltou o nivel da programación da Fiesta Mexicana de Avión, organizada como cada ano polo Concello de Avión en colaboración coa Deputación. O vicepresidente primeiro situou a gastronomía como “un factor diferencial desta festa” e valorou esta “merecida homenaxe aos emigrantes, que tanto fixeron pola nosa terra”. Un punto que tamén remarcou na súa intervención o alcalde de Avión, Antonio Montero.
Pola súa banda, Isabel Gabián sinalou que esta xa é unha festa de referencia en Galicia: “Será unha ‘tardeada mexicana’, con actividades infantís e que ademais contará con dúas agrupacións de mariachis, de sete e oito compoñentes, para traer a mellor música mexicana a Avión”.
Tamén destacou a variedade da gastronomía que ofertarán os catro restaurantes colaboradores. Nesta liña, Marcelo Quintana e Jesús Carrillo, como representantes de dous deles, convidaron á asistencia a un evento que arrancará ás 18,30 horas do 12 de agosto na Praza da Igrexa.
A organizadora do evento repasou os detalles dunha programación que converte a esta festa “nunha referencia absoluta en España. Non hai unha mellor festa de exaltación da cultura mexicana en España que esta”.
Gabián tamén resaltou a colaboración dos “nosos maiores, do centro Alvetus, que puxeron o seu gran de area nesta festa axudando a confeccionar as piñatas mexicanas” coas que se divertirán os asistentes a festa. Na foto Marcelo Quintana, Rosendo Fernández, Antonio Montero, Isabel Gabián e Jesús Carrillo.