San Cristovo de Cea | O colexio público Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, acolleu o acto de entrega do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, que por decisión do xurado tivo como gañadores nesta edición aos ourensáns Pablo Nogueira, polo seu libro “O clube de coleccionistas de selos”, e á ilustradora Eva Piay, que coas súas láminas puxo imaxes á obra galardoada.
Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, destacou que este acto se celebra “dous días despois de que a xunta de goberno da Deputación validara a proposta de Manuel Baltar para presentar a candidatura das irmás Pura e Dora Vázquez ás Letras Galegas de 2023”. Agora, dixo, “situamos o nome das autoras e autores contemporáneos ao carón de dúas xigantes das nosas letras”.Desde a Deputación, afirmou, “temos adquirido un firme compromiso coa promoción da nosa cultura incentivando a creación, máis importante se cabe na literatura infantil e xuvenil en galego, pois contribuímos a espertar o gusto pola lectura e defender o uso do idioma que nos dá identidade”.
A deputada Patricia Torres agradeceu o labor do xurado integrado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío, Isabel Mociño, e Ana Malingre como secretaria, ademais da propia deputada como presidenta. Desexou que o alumnado goce dun libro “que ademais das diferenzas tamén fala de persoas moi importantes nas nosas vidas como os avós”.
Protagonista no seu colexio
Pablo Nogueira, ovacionado no seu colexio de Cea por máis dun cento de alumnos presentes no acto, explicou que desde as páxinas do seu libro tratou de artellar unha historia “onde aspectos como a inclusión, a diversidade e diferenza cobrasen unha grande importancia”, aspecto valorados e reflectidos por Eva Piay nas súas ilustracións, “que ademais da escrita tamén nos permiten expresarnos, falar do que somos e do que pensamos”.
O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.
Un mestre de audición e linguaxe e unha estudante de Belas Artes
Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é mestre de Audición e Linguaxe no colexio de Cea. Licenciado en Psicopedagoxía pola USC, ten publicadas dúas novelas curtas para o público adulto: Banda Sonora Orixinal (Fervenza, 2019), obra ganadora do IV Certame Balbino de relatos, e Música para os días de inverno (Laiovento, 2020).
“O clube de coleccionistas de selos” inclúe “unha perspectiva inclusiva que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, destacou o xurado, salientando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999), que se presentou ao certame co pseudónimo “Auga doce”, cursa o último ano de Belas Artes en Valencia. Compaxina os estudos co traballo como ilustradora en varias revistas e fanzines, e ten colaborado ademais con escritoras, concellos e organizacións en traballos de ilustración e cartelería. O xurado subliñou que as imaxes propostas para ilustrar o libro ofrecen “panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración”.