XX Feira Medieval en Monforte o 31 de marzo

O Concello pretender que sexa declarado de Interese Turístico Galego

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, inaugurou o “Mercado para a Medieval” na zona dos mercados da Praza de Abastos de Monforte, “un certame co que buscamos potenciar e promocionar a Feira Medieval, un evento turístico que trae unha gran afluencia de público e visitantes a Monforte durante a fin de semana da Semana Santa”. Este ano 2024, a Feira Medieval alcanza a súa 20ª edición que se celebrará durante a fin de semana do 30 e 31 de marzo.

O alcalde resaltou que “solicitaremos a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

O orzamento para este ano é o máis alto da historia, pasando de 41.127,17 euros no ano 2015, en que chegou o alcalde ó goberno do Concello, ós prácticamente 100.000 euros que se destinan neste ano 2023, cun incremento de case 59.000 euros dende 2015, é dicir, un 143% máis.

Programa
Previo á inauguración do Mercado para a Medieval, José Tomé Roca, deu a coñecer o programa oficial de actividades desta 20ª edición da Feira Medieval, que se celebrará os días 30 e 31 de marzo de 2023 e que tal e como destacou o alcalde “segue traendo a miles de visitantes a mergullarse no noso pasado medieval e facer da nosa Feira o epicentro de Galicia nesa fin de semana ”.

Incorporase un novo espectáculo de animación de rúa no que os protagonistas serán 2 grandes elefantes manexados por 4 persoas especialistas, debido a que as súas dimensión requiren dunha coordinación precisa. Os elefantes irán acompañados por un grupo de músicos e bailaríns que abrirán ó paso polas rúas a estes grandes animais, e sairán dende a praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 8 da tarde.

Tamén serán novidosos os dous espectáculos que terán lugar na tarde-noite dos dous días de Feira: O sábado ás 21:30 a praza Luis de Góngora acollerá o espectáculo A Lenda das Meigas, que xira arredor da purificación das almas dos espíritos que percorren as rúas da cidade nas noites escuras.

O domingo as 21:00 h, na praza de San Antonio, terá lugar o espectáculo Inanna, onde as acrobacias e a espiritualidade serán as protagonistas.

“Dado que gusta moito ás persoas que suben o sábado pola noite ata San Vicente, o ano pasado aumentamos o número de fachos de 100 a 200, un 100% máis, e este ano respectaremos o incremento feito e como en edicións anteriores serán repartidos no Campo da Virxe”, destacou o Alcalde.

“No 2023 tamén incrementamos o número de faroliños de papel que entregamos na Luís de Góngora o sábado pola noite para a súa posterior solta, pasando de 200 a 500 unidades, aumentando a cifra nun 150%, e este ano repartiranse tamén esas 500 unidades para encher de luz o ceo de Monforte”.

Novidades
Outra das novidades, será a celebración o sábado ás 8 e media da tarde, dun concerto a cargo do grupo de música medieval Grimorium, na praza de España.

Tamén se presenta como novidade a decoración polas rúas da Feira que se vai reordenar polo que aumentará a súa presencia nas zonas da cidade. Destacará a decoración da Ponte Vella e os novos pendóns que decorarán o Concello na Praza de San Antonio.

Neste senso, unha das colaboracións importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, é coa Asociación de Artesáns de Monforte, que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas do Concello.

Finalmente, a resolución dos diferentes concursos convocados polo Concello para esta Feira: Traxes medievais, Decoración de balcóns, e de establecementos comerciais e hostaleiros, ó igual que o ano pasado, celebrarase o domingo ás 7 da tarde na praza de España, por operatividade da Feira.

Eixos centrais
Como é tradición, o sábado 30 ás 12 horas, uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán aos presentes do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do alcalde para declarar aberta a XX Feira Medieval de 2024 de Monforte. Deseguido, por sexta vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.

Dentro das actividades centrais da Feira, José Tomé destacou o Campamento Medieval da Praza de España, un dos eixos centrais da feira, a Programación infantil que terá lugar no Campamento infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, o Espectáculo de aves de rapiña e cetrería, as Xustas medievais, o Gran Torneo Medieval, os espectáculos de lume, as actividades de rúa ou os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.

O Mercado Medieval, que ano a ano aumenta o número de participantes, alcanzará os 135 postos en 2024, fronte ós 130 de 2023, con 41 postos de alimentación, 29 de comercio e 65 de artesanía. José Tomé manifestou que “hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 30 e 31 de marzo esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que chega ás 20 edicións, o que nos vai permitir que sexa declarado Feira de Interese Turístico de Galicia”.