Monforte de Lemos | A concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentou unha nova edición da Feira do Libro de Monforte, que este ano cumpre a súa vixésimo terceira edición, acompañada por Carlos Blanco, secretario da Federación Librarías de Galicia, entidade que, xunto ó Concello, organiza esta feira.
A XXIII Feira do Libro de Monforte estará ubicada na rúa Cardenal e abrirá o vindeiro mércores 24 de agosto, pola tarde e poderá visitarse ata o sábado 27. As casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros, actividades infantís e sinaturas das obras por parte dos seus autores.
Na presentación, Doutón salientou que “dende o Equipo de Goberno colaboramos con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle ós cidadáns unha parte fundamental da nosa cultura e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. Ó mesmo tempo, coa Feira do Libro ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial.”
A concelleira de Cultura indicou que “dende o Concello imos seguir apostando por este tipo de eventos, xa que a lectura é a mellor forma de aprender de xeito ameno e divertido, tanto para os adultos como para os máis pequenos da casa”.
O representante da Federación Librarías de Galicia agradeceu a implicación do Concello neste certame, do que destacou que “xa se alcanzaran as 23 edicións”. Tamén detallou a participación de 3 librarías, unha de Monforte, outra de Sober e outra de Ferrol, así como o stand da Deputación de Lugo.
Carlos Blanco destacou o completo programa de actividades da feira, no que se inclúen 2 actuacións musicais, actividades a cargo de 36 autores e autoras, 8 presentacións para público adulto e 5 para público infantil, e 19 sinaturas de libros.
Marina Doutón rematou a súa intervención convidando “a todo o mundo a que a partir do vindeiro mércores, se achegue ás casetas da Feira do Libro, que estarán coma sempre instaladas nun marco incomparable como é a rúa Cardenal, para adquirir novos libros que de seguro, lles axudarán a descubrir novas historias e novos lugares.”
Programa de actividades
A feira inaugúrase o mércores 24 ás 19 horas co pregón a cargo da poetisa de Sober, Moncha Prieto, e a actuación da Banda de Gaitas de Monforte. Ese mesmo día Moncha Prieto asinará Alma del barro na caseta da Libraría Agrasar, a partir das 20 h. Tamén a esa mesma hora terá lugar a presentación de Neve de agosto, de Nieves Neira, por Chan de Pólvora.
Ás 20:30 h Antón Lopo presentará Extraordinario, por Chan de Pólvora, e ás 21 h. terá lugar a presentación-recital de Simún, de Nuria Vil, por Chan de Pólvora.
Xoves 25 de agosto:
12:00 h.- Xosé Luis Vazquez Somoza asina O Conserxe na caseta da Libraría Agrasar
12:00 h.- Contacontos de Leopoldo, o pequeno monstro, de Estefanía Padullés por Hércules Ediciones
13:00 h.- Estefanía Padullés asina Que mal día, gato Klops! na caseta da Libraría Agrasar
18:00 h.- Rober Cagiao asina Saga El guardián de las flores na caseta da Libraría Cortizas
18:00 h.- Moncha Prieto asina Alma de barro na caseta da Libraría da Proencia
19:00 h.- Contacontos de Peúgo, o calcetín melenudo, de Jessica Rodríguez Piñeiro por Babidi-bu Editorial
19:30 h.- Olga Novo asina Cráter na caseta da Libraría Agrasar
20:00 h.- Presentación de A vangarda das formas. A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo, de Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda coeditada pola Deputación Provincial de Lugo.
Venres 26 de agosto:
Durante todo o día.- Finy Sesmonde asina Fluyendo como el agua na caseta da Libraría Cortizas.
11:30 h.- Alberto Fernández Boo asina Hatshepsut, faraón. A transgresión dunha muller empoderada na caseta de Libraría Agrasar.
12:30 h.- Raquel Martínez Salgado asina Metodologías Activas: Propuestas a través de un enfoque lúdico na caseta da Libraría Agrasar.
12:30 h.- Contacontos infantil Un universo na túa maleta por Ana Meilán García.
18:00 h.- Ramón Sandoval asina Nas esquinas do frío na caseta da Libraría da Proencia.
19:00 h.- Programación Cultural Primavera-Verán-Música Infantil. Vicepresidencia- Área de Cultura da Deputación de Lugo. Actuación de Paco Nogueiras co espectáculo BuleBule por Kalandraka Editora.
19:30 h.- Abraham Pérez asina O corpo transparente das horas na caseta da Libraría Agrasar.
20:30 h.- Pilar Macía asina Lobo na caseta da libraría Agrasar.
20:30 h.- Presentación de 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez e Nanda Cabaleiro por Hércules Ediciones.
21:30 h. -Rosalía Bermúdez e Nanda Cabaleiro asinan 7 herbas máxicas na caseta da Librería Agrasar.
Sábado 27 de agosto:
12:00 h.- Alba López Paredes asina Saga Nándidor: La leyenda de Noa na caseta da libraría Cortizas durante todo o día.
12:00 h.- Alberto Canal asina Carolina na caseta da Libraría Agrasar.
12.30 h.- Actuación infantil Fazulas, o ladrón de paraugas por Bandullo Azul.
13:00 h.- Eduardo Baamonde asina Ribeira Sacra en acuarelas na caseta da libraría Agrasar.
13:30 h.- Sara Valcárcel asina O ladrón de paraugas na caseta da Librería Agrasar.
18:00 h.- Jorge Vila asina Murallas, torres y puertas de las fortificaciones monfortinas na caseta da Libraría de Proencia.
19:00 h.- Presentación de El sintonizador, de José Luis Ordóñez por Algaida Editorial.
19:30 h.- Antía Yáñez asina Non penses nun elefante rosa na caseta da Librería Agrasar.
20:00 h.- Certames galegos de poesía. Coloquio e recital entre Xosé L. Mosquera Camba, autor de A traxedia da arquitectura (Premio Fiz Vergara Vilariño, Ed.Espiral Maior) e Andrea F. Maneiro, autora de Edénicas. (Premio Illas Sisargas, Ed.Caldeirón) moderado por María Casar por Luagrís.