Ourense | Celebrouse en Ourense a XXIV Feira de Artesanía organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense e baixo o lema “A creación como modo de vida”. A edición de 2021 amosou o traballo de catorce profesionais que forman parte da marca Artesanía de Galicia e que están especializados en xoiería, cerámica, coiro, bixutería, téxtil e os arranxos florais.
Os obradoiros que participaron foron: Amorei (Soutomaior), Mario López (Vigo), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), Silvereira (Ames), Paznavas (A Coruña), Montse Betanzos (O Grove), Noga Arts (Santiago de Compostela), Cerámica Ferreira (Vigo), Xakarandá (Marín), Las Flores de Greta (Gondomar), Chueco A Coruña (A Coruña), Zimzelatum (Gondomar), Mestura de Kores (Vigo) e Taller Viola – Flores Secas (Oza-Cesuras). Os outros dous expositores que participan na mostra son Bicas de Trives, que tamén forma parte da Asociación de Artesáns de Ourense, e o obradoiro de xoiería Testone Hojas, procedente do País Vasco.
A Asociación de Artesáns de Ourense é unha agrupación profesional constituída no ano 1996 conformada por artesáns de diferentes oficios e que se dedica á divulgación e á promoción do sector artesán, dando a coñecer os procesos de creación e achegando valor e diferenciación ás obras dos seus asociados.
Desde o ano 2007, a Xunta colabora con esta mostra que xa está consolidada no calendario de feiras de artesanía de Galicia, co obxectivo de apoiar a posta en valor dos oficios artesáns, potenciar a marca Artesanía de Galicia e promover a comercialización directa do produto artesán galego.