XXIX Día de Galicia en Asturias no mes de setembro

Actos empresariais, culturais, musicais e gastronómico centran a programación

Aldea Global | A Asociación Día de Galicia en Asturias celebrará en Oviedo, desde o xoves dia 5 ao domingo 15 de setembro, os actos anuais. Na rúa Picasso estará aberta a carpa con postos para a degustación de produtos de Galicia e Asturias e na que se despacharán almorzos e ceas. O venres día 13 será o encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio de Oviedo ás 13 horas.

O sábado día 14 ás 19,30 horas será a homenaxe á Policía Nacional con motivo dos douscentos aniversario do Corpo, no Auditorio Principe Felipe. A parte musical correrá a cargo de Ialma, Antonio Barros e Carmen Cuevas Iglesias. Esta cantante, de doce anos, reside actualmente en Ourense onde actuou na sala Auriense en 2023.

Pero a súa carreira artística comezou en O Milladoiro (Ames) de onde é natural, e recibiu clases de canto na Escola Municipal de Música. Na casa cantaba coa sua nai Maite acompañada á guitarra polo seu pai Xesús. No ano 2021, con nove anos, gañou o concurso musical “Canta con Ames”, organizado polo Concello. Carmen Cuevas participou, en 2024, no concurso La Voz Kids de Antena 3 televisión.

Insignias de ouro
A programación deste ano do colectivo galego en Asturias rematará o domingo día 15. Ás 11 da mañá na catedral de Oviedo celebrarase unha misa cantada pola soprano asturiana Tina Gutiérrez. Posteriormente no Hotel Reconquista entregaránse as insignas de ouro e carnés de socios de honra e seguidamente servirase o xantar oficial no restaurante do Hotel co que rematarán os actos.

Manuel Fernández Quevedo, presidente do colectivo galego, lembra que foi no ano 1995 cando “un grupo de bos amigos namorados da nosa querida Galicia tivemos a idea de fundar unha entidade que reforzase aínda máis a unión e irmandamento da terriña con este Principado”.

Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, subliña que “galegos e asturianos compartimos moito máis que o mero feito de pertencer a dúas terras fronteirizas. Temos problemas similares aos que en moitas ocasións tratamos de dar solución de forma conxunta. Compartimos sentimentos, tamén inquietudes.” Na foto, Carmen Cuevas Iglesias, cantante de Ames e residente en Ourense.