Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, inaugurou a 25ª edición da Feira do Libro acompañado polo secretario da Federación de Librarías de Galicia, Jacobo Rodríguez Agrasar, o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández, así como diversos membros do equipo de goberno e da Corporación do Concello.
O pregón correu a cargo poetisa de A Pobra do Brollón, Olga Novo, Premio Nacional de Poesía en 2020.
José Tomé Roca destacou, na súa intervención, que “dende o Concello de Monforte seguimos colaborando decididamente con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como son os libros, e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. Ó mesmo tempo, tamén ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial”.
“Este evento cultural que estamos a inaugurar, e que forma parte do programa do Verán Cultural do Concello, sérvenos para que todos poidamos encontrarnos literatura, cos libros e cos seus autores e autoras, na rúa, o que en definitiva é sen ningún tipo de dúbida contribúe a divulgar a cultura”, indicou o mandatario municipal.
O rexedor monfortino tamén fixo referencia ó lema do cartel deste ano, “Atopa a túa historia”, un lema moi acaído porque “a través dos libros, podemos ir máis alá e coñecer, a través da lectura, milleiros de historias do mais diverso. Podemos meternos na pel de innumerables personaxes, vivir experiencias e, coñecer outros mundos, reais ou imaxinarios”.
Tomé animou na súa intervención “a todos os monfortinos e monfortinas, así como ás persoas que nos visitan estes días, a que se acheguen esta feira para coñecer as novidades literarias e adquirir novos libros que, de seguro, nos axudarán a descubrir novas historias apaixonantes, e ademais terán un desconto do 10% en todos os libros, que sempre é unha boa axuda para animarse a mercar”.
Antes e tras o acto inaugural, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte. A continuación, a comitiva institucional encabezada polo alcalde visitou as 9 casetas protagonistas desta 25ª edición da Feira do Libro de Monforte.
En relación cos participantes deste ano, o Alcalde destacou que “fora das grandes cidades galegas, do resto de cidades e vilas participantes nas Feiras do Libro de Galicia en 2024, a edición de Monforte é a que máis librarías congregou, dado o potencial de ventas que ten como destino turístico a nosa cidade, coma capital da Ribeira Sacra”.