Oviedo | A Asociación Día de Galicia en Asturias de Oviedo celebrará desde o venres día 15 ao domingo 17 de setembro os actos anuais. No encontro empresarial que se celebrará na Cámara de Comercio, o venres ás 13 horas, homenaxearase a empresas asturianas e galegas: Nissan Gruporesnova, Matadero Central de Asturias, Real Cofradía de Amigos de los Quesos del Principado, Pulpería El Molino-Tierras Gallegas, Consello Regulador de Valdeorras, Casa Piano-Restaurante de Ribadeo, Grupo GA Hotel Resort, Reny Picot, BNI Asturias, Fedecor, Estudio 27, Asociación de Hosteleros de Gascona, Supermercados Mas y Mas, Asociación de la Empresa Familias de Asturias (Aefas), Publimas e Inetum.
O sábado 16 ás 19,30 horas será a homenaxe á Policía Local de Oviedo e a muller guarda civil no 35 aniversario do ingreso no Corpo da institución. Será no Auditorio Príncipe Felipe coa actuación musical de Antonio Barros que ofrecerá un concerto acompañado da pianista Ialma e actuará a soprano Tina Gutiérrez.
Ás doce da noite ofrecerase queimada de balde a quen acuda á carpa que a asociación terá aberta desde o día 7 ao 17 na rúa Picasso. Nesta carpa haberá postos para a degustación de produtos de Galicia e Asturias e permanecerá aberta para almorzos e ceas. Por primeira vez a cooperativa agraria Sofragal, con sede en Luintra (Nogueira de Ramuín), participará na actividade gastronómica na carpa presentando o seu produto: castaña deshidratada pelada, fariña de castaña, bicas e gallegas de castaña.
O domingo 17 na catedral de Oviedo oficiarase unha misa cantada por Tina Gutiérrez ás 11 da mañá. Será ás 12,45 cando se entreguen as insignias de ouro e os carnés de socios de honra no Hotel Reconquista. Nesta edición serán para Amancio López Seijas, presidente do Grupo Hotusa e para Ramiro Fernández Alonso, psicoesteta e ex concelleiro da Corporación Municipal de Oviedo. Ás 14,30 horas servirase o xantar oficial no restaurante do Hotel Reconquista.
Logo de vinteoito anos, o presidente da asociación, Manuel Fernández Quevedo, lembra que foi no ano 1995 cando “un grupo de bos amigos namorados da nosa querida Galicia tivemos a idea de fundar unha entidade que reforzase aínda máis a unión e irmandamento da terriña con este Principado”.
Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, subliña que “galegos e asturianos compartimos moito máis que o mero feito de pertencer a dúas terras fronteirizas. Temos problemas similares aos que en moitas ocasións tratamos de dar solución de forma conxunta. Compartimos sentimentos, tamén inquietudes.” Nas fotos, Manuel Fernández Quevedo entregando diploma a Orlando Alonso Villarón en 2022. Adolfo Domínguez tamén recibiu a insignia de ouro na pasada edición.