Mos | O pasado domingo celebrouse a tradicional Festa da Terceira Idade do Concello de Mos que nesta súa trixésimo segunda edición acadou a maior afluencia da súa historia.
Tras dous anos sen poder celebrala por mor da pandemia, a veciñanza mosense tiña máis ganas que nunca de homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, define como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.
Un total de 101 matrimonios foron o total de homenaxeados este ano o domingo día 28 de agosto, en Costoias, parroquia de Tameiga.
Trátase de parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. A deste ano foi unha edición moi especial, xa que se homenaxeou tanto aos matrimonios que os cumpriron neste 2022, como nos dous anos previos, 2020 e 2021, e que debido á pandemia non puideron celebrar.
Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
A xornada do domingo desenvolveuse contando coa presencia de toda a Corporación Municipal, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Director Xeral de Maiores, Antón Acevedo, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e a deputada autonómica, Feli Rodríguez.
Os actos celebrados foron: a partir das 12:00h Misa cantada pola coral Ventos do Val, seguida da Banda de Música Xuvenil de Torroso; a partir das 14:00h comezou o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados, quen tamén convidou a todos os asistentes a unha degustación de callos. A partir das 16:00 h tivo lugar a homenaxe aos matrimonios.
A animación e o baile correu a cargo do grupo Club Naval.