Lugo | Jesús López Lázare, -LÁZARE- (Lugo, 1960), é o autor do cartel anunciador da SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR DE LUGO, na súa XXXIX edición, que se celebrará do 18 ao 23 do próximo mes de setembro.
É o cuarto ano no que unha obra de autor lucense anuncia a semana de Cine. En 2014, foi o seu autor Forges (con raíces na Fonsagrada); en 2015, Jorge Espiral; en 2016, Luz Darriba e Lázare en 2017.
Pintor autodidacta, perfeccionou o seu debuxo na Escola de Artes Ramón Falcón, ten efectuado diversas exposicións individuais e participado en mostras colectivas. Con 16 anos, recibiu o seu primeiro premio no Certame lucense de Arte Xuvenil. Del escribiu Trapero Pardo que conseguía “logros perfectos de entonación en toda a súa selecta obra”.
O cadro é o primeiro dunha serie do autor que pon de relevo tanto a protección da mocidade por parte dos maiores, como a axuda para levar a nenos e mozos polos vieiros da vida.
Nos próximos días comezarase a distribuir o cartel desta anual celebración que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, co patrocinio e colaboración da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo.