Santiago de Compostela | No marco dunhas xornadas en Santiago de Compostela nas que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, admitiu que a coalición PSOE-PODEMOS no poder na Moncloa “está a vivir un momento delicado” a conta da reforma laboral.
Díaz afirmou que as diferenzas, a debatirse este 25 de outubro na mesa de seguimento do pacto de coalición, “non son un problema de nomes ou de liderado”, en referencia ao intento da vicepresidenta primeira Nadia Calviño de tomar as rendas da negociación, “senón de fondo”.
A ministra do Traballo lembrou que a derrogación da reforma laboral é un “acordo de Goberno” que foi avalado por outras forzas desde a convicción de que o modelo implantado polo PP no 2012 “non serve para o momento actual”. Por tanto, pediu ao PSOE que “aclare” a súa postura sobre a reforma laboral.
A vicepresidenta considera que “é evidente que hai unha parte do goberno que non quere que se cambie o modelo de relacións laborais, [que quere] que se manteña o ‘statu quo’.
Non derrogar a reforma laboral hoxe é seguir mantendo a precariedade no noso país”, declarou a ministra do Traballo.
O pasado 23 de outubro, Díaz avisaba desde o Congreso Confederal de CC.OO:”Imos derrogar a reforma laboral, a pesar de todas as resistencias, que as hai e son moitas”.
Dende Santiago de Compostela, Díaz tamén informou que esas “resistencias do PSOE” sobre a reforma laboral tamén lle tocaron “a miña antecesora, Magdalena Valerio. Cónstame que tiña o texto e nunca chegou ao Consello de Ministros. Non é o quen, senón o qué. É o que estamos debatindo”.
Non obstante, despexou calquera especulación de ruptura na coalición de goberno: “O meu compromiso co goberno é persoal, é ético. Vou seguir defendendo o goberno progresista”, declarou Díaz dende a capital galega.
Así e todo, este 25 de outubro realizouse unha xuntanza da mesa de negociación do goberno de coalición PSOE-PODEMOS, na que precisamente non participaron Díaz e Calviño. Nesta xuntanza, o PSOE manifestou un maior apoio á ministra de Economía, en particular seguindo os parámetros establecidos por Bruxelas. Algunhas fontes informativas especularon coa posibilidade de dimisión de Díaz, ata agora non confirmada, pero que reforzaría a sensación de posible ruptura na coalición de goberno.