O Carballiño | A 61ª edición da Festa do Polbo bateu récords anteriores cunha multitudinaria asistencia de público nacional e internacional. O Concello de Carballiño, organizador desta romaría gastronómica, sostén que se superaron as 125.000 persoas e que se coceron na fin de semana ao redor de 80.000 quilos de polbo.
O tradicional concurso de camisetas, celebrado o sábado, desbordou todas as previsións no centro urbano, cunha afluencia multitudinaria, o día da gran festa non defraudou, cos locais de hostalería ao completo e as longas colas no parque ante as caldeiras de polbo e os bares ambulantes. A organización recuperou a música tradicional no Parque municipal, onde ofreceron concertos os grupos “Son do Polbo” e os Coribantes de Buchabade.
O alcalde, Francisco Fumega, recibiu á vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, no salón de plenos, onde asinou no libro de honra do Concello e felicitou á institución local pola organización desta festa durante tantos anos e pola súa declaración de Interese Internacional.
A continuación desprazábanse ao Parque onde esperaban os conselleiros de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo e o de Medio Rural, José González; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices e o presidente da Deputación, Luís Menor Pérez, que gozaron da comida no recinto oficial. Na foto, intervención de Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense.