Vigo | O Consorcio da Zona Franca analiza as posibilidades de apoio ao sector da flor cortada e planta ornamental, que conta cunha produción relevante na área de Vigo. Con este obxectivo realizará un estudo específico deste sector na zona do Baixo Miño, dentro do plan estratéxico que ten en marcha para a provincia.
Ademais, o delegado do Estado, David Regades, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu aos directivos da primeira empresa galega do sector, Flores Toxal, que lle presentaron o seu plan de investimento para crecer un 10% anual ata 2030.
O delegado do Estado, David Regades, explicou que “o sector da flor cortada e a planta ornamental ten un potencial de crecemento importante polas condicións climatolóxicas idóneas do sur de Galicia, por iso desde a empresa de capital risco Vigo Activo estamos a estudar as posibilidades de acompañar o proceso de crecemento”.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, entende que “é moi importante para A Guarda a implicación de Zona Franca apoiando ao sector empresarial, temos moito potencial para levar adiante proxectos que reactiven a comarca e actúen como dinamizadores da economía e o emprego”, por iso agradece a recepción por parte do delegado do Estado.
A empresa Flores Toxal, con sede na Guarda, ten máis de trinta anos de actividade e, ademais da produción propia, comercializa flores cortadas de agricultores da zona e do resto de España e importa flores. A compañía prevé un crecemento este ano que rolda o 38%, a pesar de que as vendas se han visto afectadas polas restricións da pandemia, xa que o mercado da flor cortada está ligado co lecer e as celebracións. Só a produción de Lilium creceu un 90%.
Os empresarios Serafín Domínguez Santomé e Alfonso Álvarez Cobián fixéronse coa dirección tras a xubilación dos anteriores socios e puxeron en marcha un plan de investimento que prevé alcanzar un crecemento medio anual en vendas do 10% ata 2030. Entre as súas fortalezas, está unha carteira de máis 400 clientes en toda España e que en 2021 empezaron as exportacións a Holanda, como socios de Royal Flora Holland.