Vigo | O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, manifestou o seu total apoio ao primeiro título universitario de España de Especialista en Ciberseguridad Industrial, que impartirá a Universidade de Vigo a partir do próximo mes de xaneiro.
David Regades reuniuse co vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado; Manuel Ramos; a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, María José Moure; e o coordinador do título, Ignacio Armesto, que están a dar a coñecer este título propio da Universidade de Vigo a empresas e institucións ante a inminente apertura do prazo de matrícula.
O delegado do Estado considera “unha necesidade para as empresas contar con expertos na materia e unha oportunidade para Vigo e para Galicia contar coa primeira titulación universitaria nunha materia tan sensible para a industria.
Hai que concienciar, en especial ás pemes, sobre o importante investimento que supón contar cun especialista ante ciberataques, que son cada vez máis comúns e poden ser fatais nas contornas industriais”.
Os responsables universitarios explicaron ao delegado do Estado que existen masters noutras universidades sobre esta materia, pero que o da Uvigo é o primeiro título propio dunha universidade, segundo as propias empresas especialistas na materia que achegarán docentes.
“O da Uvigo é o primeiro título propio dunha universidade, segundo as propias empresas especialistas na materia que achegarán docentes”
Os títulos propios teñen entre as súas características maior axilidade para a súa implantación, de forma que se trata de formación que se adapta mellor ás necesidades do mercado, ademais de que poden ser máis flexibles en horarios e contar cunha maior porcentaxe de profesionais en activo como formadores.
O título contará cun claustro de profesores integrado por enxeñeiros e doutores da Universidade de Vigo, así como profesionais de prestixio de empresas como Microsoft, Siemens, Accenture, Muutech, Inprosec, Nozomi Networks ou Tecdesoft Automation.
O curso pode ser unha oportunidade de manterse ao día e renovar coñecementos para profesionais da industria e en especial do sector da informática industrial teniendo en cuenta que a docencia se impartirá de forma telemática.