Vigo | A Zona Franca de Vigo formalizou ante notario a venda de novas parcelas na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves ás empresas Lonza e Centro Loxístico Plisan.
David Regades destacou que “estes catro anos á fronte da Zona Franca han servido para desbloquear a Plisan, onde Albo concluirá as súas obras o próximo mes de setembro e outras empresas iniciarán os traballos de construción en breve”. Engadiu que se trata “do maior parque empresarial do noroeste peninsular, onde se crearán medio milleiro de empregos”.
Nunha notaría de Vigo, David Regades asinou por Zona Franca a venda de 102.000 metros cadrados á empresa biotecnolóxica Lonza Biologics Porriño, que se instalará en catro parcelas da Plisan. A actividade será un centro produtivo de produtos farmacéuticos, cunha nave de produción de 20.000 metros cadrados, dedicando o resto de superficie a servizos complementarios como zonas de espera, manobra de carga/descarga de camións e aparcamento.
Estímase un investimento para realizar de 200 millóns de euros e 200 novos postos de traballo. Previamente Zona Franca asinou en notaríaa da Cañiza a venda dunha parcela de 6.645 metros cadrados a Centro Loxístico Plisan, que desenvolverá un proxecto para proporcionar servizos á industria alimenticia mediante o envasado e conservación en frío de produtos de alimentación frescos, como peixe, mariscos, cefalópodos, carne, vexetais, alimentos precociñados e sobremesas.
A empresa realizará traballos personalizados para cada cliente e prevé un investimento de 2,2 millóns de euros coa construción de dúas naves, a primeira con dous cámaras frigoríficas e a segunda de envasado. O primeiro ano contratará a 8 traballadores.
Ademais de Lonza e Centro Loxístico Plisan, están na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, a conserveira Albo , a tecnolóxica BETA Implants, a tamén conserveira Frinsa e a empresa de augas Gainser.