Nigrán | O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, visitou algunhas das instalacións da Zona Franca de Vigo acompañado polo delegado do Estado no Consorcio, David Regades.
Ambos comprobaron o avance das obras das 14 naves que se constrúen no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, cun investimento de 6,3 millóns que o Goberno de España realiza a través de Zona Franca.
O delegado do Estado, David Regades, explicou durante a visita que “máis de media ducia de empresas dos máis diversos sectores interesáronse xa por estas instalacións industriais cando aínda falta un ano para a finalización dos traballos”.
Engadiu que “este investimento é a resposta que o Goberno de España ten para apoiar o ímpeto industrial do sur de Galicia”, precisou.
Ademais avanzou que “as naves están xa en fase de estrutura e despois do verán sairá a licitación destes espazos”. Trátase de naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren a demanda tipo das pemes cun deseño innovador.
“En concreto son 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, con 68 prazas de aparcamento nunha parcela de 10.710 metros cadrados”
En concreto son 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, con 68 prazas de aparcamento nunha parcela de 10.710 metros cadrados.
O adxudicatario das obras é Construcións Alea e o prazo de execución de 18 meses, así que a súa finalización está prevista para o verán de 2022.
O delegado do Goberno, José Miñones, situou ao Consorcio da Zona Franca de Vigo como “motor da recuperación económica da Comunidade” e subliñou que o Consorcio “promove investimentos e actuacións que repercutirán non só nesta comarca senón en toda a provincia e en Galicia”.
Por iso, felicitou a David Regades polo seu traballo, xa que “se está convertendo nun revulsivo da recuperación económica desta provincia”.
Tras visitar a Casa do Reloxo, en Baiona e o Polígono de Porto do Molle, José Miñones destacou a aposta do Goberno por “apoiar o emprendemento e a innovación empresarial”. “Zona Franca converteuse nestes anos nun dos principais promotores de parques empresariais de Galicia e nun dos axentes de promoción e asesoramento de empresas máis activos da Comunidade”, engadiu.
Así mesmo, ámbolos dous delegados visitaron a Casa do Reloxo de Baiona, un espazo ao dispor de todas as persoas que queiran emprender un novo negocio ou sacar a diante unha micropeme.
Este espazo singular que acolle 38 postos de coworking e seis oficinas, ademais de salas de reunións de uso común, xa é un lugar de referencia tanto pola calidade da súa arquitectura que rehabilitou o histórico edificio que chegou a albergar o antigo concello de Baiona, como pola activación de novos negocios. Nestes momentos, a Casa ten ocupadas ao cento por cento as súas oficinas.