Vilanova de Arousa | O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, animou aos empresarios do Salnés, Caldas e Barbanza a utilizar as ferramentas do Consorcio, nun xantar-coloquio organizado por Galicia Foro Empresarial e ao que asistiron medio centenar de empresarios.
David Regades foi presentado polo presidente da asociación, Manuel Jesús García Rodríguez (Thune Eureka), quen sinalou que “o noso obxectivo é que compartades connosco os vosos coñecementos e experiencias, que coñezades as nosas inquietudes e potencialidades co fin de buscar o voso apoio para a creación de riqueza, emprego e benestar nas nosas comarcas asentadas na Ría de Arousa”.
Co título “Zona Franca de Vigo. Impulsamos a economía. Creamos emprego”, o delegado do Estado presentou os plans e programas desta institución pública, “que traballa para potenciar o desenvolvemento económico galego, o comercio internacional, as infraestruturas e a cultura emprendedora e que cumpre 75 anos”.
Neste sentido, o delegado do Estado animou aos empresarios “para presentar os seus proxectos ás distintas aceleradoras, como ViaGalicia, que ten aberto o prazo para a sétima edición”. Así mesmo, ofreceulles “a colaboración do brazo investidor de Zona Franca, a sociedade de capital risco VigActivo, que ten case 25 millóns de patrimonio inxectados en empresas de Galicia”.
Na súa exposición, David Regades transmitiu as fortalezas dunha institución que xestiona un volume de activos de 520 millóns de euros e un investimento próximo aos 55 millóns de euros no cuadrienio 2019-2022. “Zona Franca era ata o de agora un gran descoñecido e queremos chegar a todas as empresas de Galicia que teñan un proxecto viable para que nos vexan como posibles socios colaboradores”.
Con máis de 8 millóns de metros cadrados de chan industrial, 705 empresas instaladas, 20.000 empregos e 45 novas compañías creadas en catro anos, David Regades destacou a Zona Franca como o gran motor da área sur e, por extensión, de Galicia, polo seu apoio ao emprendemento con viveiros empresariais, aceleradoras e incubadoras de empresas, e proxectos de internacionalización de referencia.
David Regades destacou que a Zona Franca ten “proxectos en marcha que crearán uns 3.000 empregos”. Entre os proxectos xeradores de emprego, destacou a posta en marcha da Plisan, en Salvaterra-As Neves, onde xa se instalou Albo, con potencial para crear 500 empregos, Beta Implants, que pasará de 29 a 200 traballadores, e a biofarmacéutica Lonza con 200 empregados. “En total na Plisan instalaranse de forma inmediata medio milleiro de traballadores, aínda que o potencial é doutros 500, cun compromiso de investimento destas empresas de 233 millóns”.
Así mesmo, David Regades avanzou o crecemento de emprego de Porto do Molle, onde se ultima a construción de 14 novas naves para pemes, que albergarán novas empresas e 200 traballadores. Tamén presentou algúns dos proxectos que o Consorcio ten en marcha como o World Car Center, a planta de produción de hidróxeno verde en Bouzas, a planta de semiconductores fotónicos ou a participación no primeiro PERTE de España da automoción.