Zona Franca crea un indicador de talento das empresas galegas

Trátase de ViaGalicia e foi presentado no Mindtech

Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo creou un indicador que mide o talento das empresas galegas e identifica as mellores prácticas nesta dimensión da competitividade empresarial. O indicador de talento súmase aos que xa valora cada ano o servizo de información Ardán e que son moi apreciados polas compañías.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, presentou na feira Mindtech, en Ifevi, unha nova edición do Informe Ardán, o de 2021, que hoxe se pon á venda. Destacou que “a análise dos datos empresa a empresa permite coñecer de primeira man as compañías que son capaces de rexistrar mellores parámetros económicos.

Unha información moi valiosa e única pola incidencia que teñen na nosa economía e no desenvolvemento económico e social”. David Regades explicou que “só un 6% das empresas analizadas alcanza os esixentes criterios dos indicadores Ardán. Estas compañías son extraordinariamente dinámicas, responsables do 53% do valor engadido bruto alcanzado por todo o tecido empresarial e crean emprego a un ritmo do 7%, amplamente superior á media galega.

De feito son as responsables da metade dos novos postos de traballo no ano analizado”, sinalou. Ardán inclúe ademais este ano o primeiro informe sobre o impacto da pandemia na economía de Galicia, que se comportou mellor que no conxunto de España grazas ás exportacións e ao sector da automoción.

Un terzo deste mellor comportamento de Galicia desde o arranque da pandemia débese ás diferenzas na estrutura produtiva, e os dous terzos restantes a unha dinámica sectorial máis favorable.

A esa dinámica contribuíu unha menor incidencia do virus e unha desescalada máis rápida tras o confinamento. O informe recolle ademais que, en abril de 2021, Galicia superou xa o nivel de exportacións alcanzado os 12 meses anteriores á pandemia (marzo 2019 a febreiro de 2020). España aínda se sitúa no 94%, grazas á automoción e á resiliencia do sector agroalimentario.

Presentación sétima edición ViaGalicia
O delegado do Estado, David Regades, tamén interveu na presentación dunha nova edición da aceleradora ViaGalicia, a sétima, un caso de éxito que Zona Franca exportou a toda
España.

David Regades (dereita) delegado da Zona Franca, durante a súa intervención.

En 2021, o programa chega á súa sexta edición con preto de 1.300 ideas de negocio analizadas, 193 proxectos que viron mellorada a súa proposta de negocio e 78 empresas constituídas e aceleradas. ViaGalicia está considerada como unha das iniciativas referente en España.

A facturación conxunta dos proxectos que formaron parte dalgunha das súas seis edicións alcanzou, en 2019, a cifra de 17 millóns de euros e un VAB (Valor Engadido Bruto) de máis de 5,7 millóns de euros. Ademais, estas empresas xeraron máis de 420 postos de traballo, o 83% deles indefinidos.

Dos 10,5 millóns de euros investidos polo programa desde o seu nacemento, as startups que forman parte deste ecosistema captaron máis de 45 millóns de financiamento, un 60% de carácter privado (entre investidores e fondos de investimento), grazas a ViaGalicia. Dúas empresas aceleradas contaron a súa experiencia na caseta de Zona Franca en Mindtech: Alén Space, cun dos seus fundadores, Diego Nodar.

Está considerada unha das empresas pioneiras da industria española do chamado New Space e que situou a Galicia nun lugar de referencia neste sector. Deseñan e fabrican nanosatélites e prestan servizos logrando a mellor taxa de éxito do mercado.

Emsamble, co seu CEO, Sergio Sampedro
En construción e a arquitectura é unha das propostas máis completas que descubrimos na quinta edición de ViaGalicia, unha empresa que ofrece ao sector da construción unha arquitectura moito máis flexible que a tradicional, aberta aos cambios de necesidades dos usuarios e con menor impacto ambiental, un modelo baseado na economía circular.