Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo axudou no último ano a 20 empresas galegas do sector do mar para desenvolver un plan de internacionalización e acompañounas para que poidan entrar en novos mercados en menos tempo e con maiores garantías de éxito. Fíxoo a través da súa nova aceleradora MarExterior, que hoxe clausurou a súa primeira edición.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou no acto no que se entregaron os diplomas, que o Consorcio “segue apostando por xogar un papel decisivo no desenvolvemento e dinamización económica de Vigo e a súa área con programas ambiciosos para impulsar sectores estratéxicos” e que, nesta liña, “as aceleradoras de internacionalización son un claro exemplo desta aposta e MarExterior unha mostra dun sector crave para Vigo”, sinalou.
David Regades lembrou que “esta edición de MarExterior estivo marcada pola pandemia, que supuxo un reto a maiores. A pesar de todo chegamos á meta con éxito”, subliñou.
MarExterior é unha aceleradora de internacionalización, creada para apoiar ás empresas do sector do mar no seu acceso e consolidación nos mercados exteriores, co obxectivo de que o proceso teña máis probabilidades de éxito.
“Esta edición de MarExterior estivo marcada pola pandemia, que supuxo un reto a maiores. A pesar de todo chegamos á meta con éxito”
Zona Franca ofrece formación e asesoramento personalizados a 20 empresas galegas do sector do mar (pesca e conserva por unha banda e naval e auxiliar por outro), ao longo dun programa de 7 meses, a custo cero para a empresa e co aval do Consorcio. As empresas poden ser de recente creación e que nacen cunha clara visión ao mercado exterior; tamén que teñan algunha experiencia e con desexo de consolidar un plan de acceso a mercados exteriores; e tamén empresas que xa están a operar en mercados exteriores, que necesiten apoio no acceso a novos mercados.
Durante 7 meses as empresas pasan polas tres fases da aceleradora, que lles permitirán acelerar o seu proceso de entrada en novos mercados exteriores, realizar o seu proceso de internacionalización con maiores garantías de éxito e menos riscos, establecer contactos con outras empresas do sector do mar en Galicia e elaborar o plan de internacionalización da súa empresa co apoio de expertos.
A formación realízase cun programa de alto rendemento que combina, baixo a supervisión dun equipo de expertos, formación (presencial e en liña), tutorización, coaching, mentoring e apoio na presentación da empresa ou produtos antes diferentes entidades e organismos co fin de poder acelerar o proceso de internacionalización das empresas participantes.