Madrid | O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asistiu á xuntanza dos Consorcios de Zona Franca de España. O grupo aglutina ás sete zonas francas españolas, ademais de Vigo, Barcelona, Cádiz, Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla e Santander.
“O grupo aglutina ás sete zonas francas españolas, ademais de Vigo, Barcelona, Cádiz, Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla e Santander”
Era a sexta reunión do grupo e David Regades destacou que “o propósito destes encontros, que se puxeron en marcha en 2017, é reforzar a colaboración entre as sete zonas francas españolas para deseñar unha folla de roteiro común que permita destacar o papel destas como axentes impulsores do cambio cara á nova economía”.
O Grupo de Coordinación dos Delegados Especiais do Estado nos Consorcios de Zona Franca é un órgano colexiado creado por Resolución do 11 de xullo de 2017 da Subsecretaría do Ministerio de Facenda e publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE). Ten como obxectivo ser un organismo permanente na coordinación dos delegados de Zona Franca e vía de comunicación co Ministerio de Facenda e Función Pública.
As súas funcións son emitir opinión sobre propostas de modificacións normativas e resolucións que afecten os Consorcios de Zona Franca, promover e impulsar a formación do persoal destas entidades na normativa reguladora do sector público estatal e en dereito público que afecte o seu ámbito de actuación e constituír un foro de debate dos delegados especiais do Estado sobre os asuntos comúns e dar traslado das súas propostas ao Ministerio de Facenda e Función Pública.
Esta sexta edición da reunión do grupo celebrouse nun contexto no que a procura de solucións conxuntas para a reconstrución económica adquire máis protagonismo que nunca, tras unha pandemia que puxo de manifesto a importancia de contar cun tecido industrial sólido como piar de xeración de riqueza nacional.
Neste sentido, os delegados das zonas francas de Vigo, Barcelona, Cádiz, Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla e Santander centraron os seus esforzos en reforzar as sinerxias existentes e promover un espazo de traballo colaborativo, que contribúa ao posicionamento de España e destas institucións no panorama internacional.
Entre os principais temas do encontro destacou o papel das Zona Franca na reconstrución económica ou a estratexia de política comercial conxunta para operar en mercados africanos.
Todos eles asuntos de gran calado socioeconómico que marcarán o escenario de recuperación post- covid.