Zona Franca de Vigo da “luz verde” ao Plan de Actuación 2025

O Comité Executivo aprobou case 80 millóns de euros en investimentos

Vigo | O Comité Executivo da Zona Franca de Vigo aprobou esta tarde o Plan de Actuación anual para 2025 que rubrica os seus obxectivos de consolidación do tecido empresarial con novos proxectos de infraestruturas, o fomento do emprendemento e da sustentabilidade e competitividade empresarial e o estímulo do coñecemento.

Os eixos do Plan de Actuación enmárcanse nos orzamentos, xa aprobados para o próximo ano, que alcanzan os 78 millóns de euros de investimento, e no plan plurianual 2025-2027 que reafirma o obxectivo estratéxico do Consorcio de impulsar o desenvolvemento económico, papel que situou á Zona Franca de Vigo á cabeza dos axentes públicos dinamizadores na súa área de influencia.

O delegado Especial do Estado, David Regades, sinalou que este Plan impulsará grandes proxectos, algúns novos e outros que xa se iniciaron en 2024 e que se consolidarán o próximo ano. “É o caso do edificio de Down Vigo que poderemos inaugurar no primeiro semestre, o proxecto de STARTTIC en López Mora, o inicio dos plans de ampliación nos nosos polígonos, a creación de máis chan industrial ou empresarial ou proxectos de cidade como o convenio que asinaremos co Concello para o desenvolvemento da Panificadora”.

“Regades valorou os case 80 millóns de euros que Zona Franca investirá o próximo ano”

Regades valorou os case 80 millóns de euros que Zona Franca investirá o próximo ano. “Servirán para xerar riqueza, empresas e sobre todo para crear emprego no territorio” En canto aos espazos empresariais, en 2025 proseguirase coa ampliación do PTL e poñeranse en marcha actuacións como a ampliación de polígonos actuais, o hub TIC de López Mora, o novo Centro de Negocios de Redondela, as novas naves da PLISAN e outros parques empresariais na provincia. Respecto a a comercialización de chan, o CZFV mantén contratos de arrendamento con 234 clientes e seguirá xestionando iniciativas de alugueiro ou compra de parcelas en As Gándaras, A Granxa, Balaídos, Bouzas, PLISAN, Porto do Molle e o PTL.

Durante 2025, a Zona Franca desenvolverá a súa participación en proxectos como o aparcamento disuasorio de camións para o Polígono de Balaídos na Balsa; a firma do convenio co Concello para a Panificadora, pendente da aprobación do PXOM de Vigo; ou o Centro de produción e I+D de semiconductores fotónicos no PTL, do que se espera obter a licenza este próximo ano. Tamén seguirá adiante a instalación híbrida de xeración fotovoltaica e produción de hidróxeno en Bouzas.

En canto ao fomento da sustentabilidade e competitividade empresarial, o CZFV seguirá primando a internacionalización e a innovación das empresas con programas de recoñecido éxito como ViaExterior ou ViaGalicia, a Business Factory Auto, a incubadora de alta tecnoloxía de Automoción High Tech Auto, os viveiros de empresas, ou proxectos como Ibero-Bio para o sector biotech.

Mención á parte merece a incubadora de Alta Tecnoloxía STARTTIC, que será a punta de lanza do hub TIC de López Mora. O estímulo do coñecemento como ferramenta de cambio das novas estruturas empresariais será un ano máis outro dos eixos do CZFV coa Universidade de Vigo mediante a Cátedra ARDAN como servizo de información de alto valor engadido para o tecido empresarial e que en 2025 verase ampliado.

Seguen como obxectivos a incorporación dos balances e contas anuais de ata 150.000 empresas españolas, a campaña de enquisas a 6.000 empresas galegas, os indicadores e a Clasificación ARDAN ou os premios á excelencia empresarial.

Ademais, por primeira vez, a Cátedra realizará un Informe de impacto socioeconómico do sector do palangre coa asociación Interfish España. Finalmente, a Zona Franca de Vigo fixouse como obxectivo para 2025 o deseño e a posta en marcha dun proceso de xestión estratéxica no CZFV, que tamén inclúe a consolidación da transición dixital e unha planificación socialmente responsable do emprego público.

Xuntanza coa nova presidenta do Círculo de Empresarios de Vigo
Regades tamén realizou unha xuntanza institucional coa nova presidenta do Círculo de Empresarios de Vigo, María Borrás, e outros representantes deste Consorcio coa finalidade de acordar obxectivos comúns para impulsar a economía e apoiar o tecido empresarial de Vigo e da súa área.

Borrás, quen con anterioridade foi tamén presidenta da Confederación de Empresarios de Galicia, amosou con Regades a súa disponibilidade para establecer canles de comunicación permanentes entre ámbalas dúas entidades.

 

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.