Zona Franca de Vigo debate o futuro aduaneiro

O evento reuníu aos responsables de aduanas a nivel galego e estatal

Vigo | Co título de “Zona franca como espazo aduaneiro”, a Zona Franca de Vigo reuniu este xoves a responsables de Aduanas a nivel galego e nacional xunto a dirixentes de asociacións como a Cámara de Comercio, o Círculo de Empresarios ou o Colexio de Economistas de Pontevedra, e responsables de empresas con implantación en Vigo e a súa área, ademais de consignatarios, operadores e servizos relacionados coa actividade aduaneira.

A futura reforma da Unión Aduaneira, a evolución das normativas as zonas francas, as oportunidades de adaptación da aduana nun mundo cambiante e as consecuencias da guerra comercial e arancelaria foron os temas a debate no Auditorio da Zona Franca de Vigo. No encontro participaron como relatores Nerea Rodríguez, directora do Departamento nacional de Aduanas e Impostos Especiais; Luis Ignacio Jiménez, subdirector Xeral de Xestión e Intervención de Impostos Especiais de España; Jaime Gayá, xefe da Dependencia Rexional de Aduanas e IIEE de Galicia; e Elena Sández, xefa da Dependencia de Aduanas de Vigo.

Previamente, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e o delegado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de Vigo (AEAT), Pablo Meijide, coincidiron na oportunidade que abre este tipo de xornadas para o mundo económico e empresarial.

“Regades salientou que Stellantis é a planta máis competitiva de Europa”

David Regades, que fixo un relato sobre a evolución da Zona Franca de Vigo “que desenvolve a súa actividade aduaneira desde a súa fundación en 1947, lembrou cando a Zona Franca só era un espazo con vantaxes aduaneiras que axudou a internacionalizar a un país illado e ao mesmo tempo desenvolver a súa economía. Tamén da chegada de Citroen, “que, agora, con Stellantis é a planta máis competitiva de Europa”. Regades sinalou que actualmente “a Zona Franca é un axente de desenvolvemento económico, non só un espazo franco, co que dotamos de ferramentas a empresas dentro dos nosos espazos”.

O delegado tamén se referiu ás incertezas. “A organización económica mundial está a cambiar e está a derivar nunha nova situación arancelaria. Por iso as Zonas Francas podemos xogar un papel crave. Debemos seguir consolidando o noso espazo aduaneiro, fortalecendo ás empresas que se establecen aquí, insistindo na colaboración público-privada, na proximidade das administracións e na capacidade de resposta”.

Pola súa banda, o delegado da AEAT, Pablo Meijide insistiu na importancia destas xornadas porque operadores e elementos vertebradores da economía deben traballar xuntos para mellorar o lugar no que comerciar e desenvolver unha actividade económica. “Debemos destinar esforzos para conseguir un sistema tributario máis xusto, máis equitativo, máis eficiente, máis áxil e unha Aduana cada día mellor”. O delegado da Axencia Tributaria recoñeceu a complexidade do mundo actual: “todo está a cambiar, o comercio exterior, as Aduanas, que se aranceis dun 25%, que se un día despois anúnciase unha prórroga… Creo que está claro que vivimos nun mundo económico-aduaneiro relativamente convulso e por iso é moi importante estar actualizados e coñecer de primeira man a normativa. Por iso creo que estas xornadas deben repetirse e ser un novo escenario para despexar dúbidas e incertezas”.

Xa na quenda dos relatorios, a directora do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais, Nerea Rodríguez, que realizou unha análise da evolución das normativas, tamén se referiu á futura reforma da Unión Aduaneira, proxecto que está en período de debate e que ten como propósito simplificar os procedementos e reducir os custos administrativos. “A aduana ten que adaptarse a un mundo cambiante, dixo, e estanse estudando a obxectivos clave para a súa modernización”. A reforma apunta á creación dun centro de datos único co que se relacionarán directamente os operadores, ao modelo de gobernanza e a autoridade aduaneira da Unión e á modificación cun novo enfoque do comercio electrónico e dos controis aduaneiros.

Pola súa banda, Luis Ignacio Jiménez, subdirector xeral de Xestión e Intervención de IIEE disertou sobre as novidades da “Orde Ministerial de Avituallamientos”; Jaime Gayá, xefe da Dependencia Rexional de Aduanas e IIEE de Galicia analizou a situación do chamado “despacho vespertino” na comunidade, mentres que, finalmente, Elena Sández, xefa da Dependencia de Aduanas de Vigo referiuse na súa intervención á levanza de rexistros en zona franca, os recoñecementos físicos e o cumprimento de obrigacións no precintado de mercadorías en tránsito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.