Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) exploran vías de colaboración, como a creación dunha Cátedra de estudo e investigación.
O reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón; o director do Centro Asociado de Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González Sánchez; o subdirector do Centro Asociado, Alfonso Vázquez Reboredo; e o coordinador de actividades de extensión universitaria, Rafael Cotelo Pazos; reuníronse co delegado do Estado, David Regades, para ofrecer ao Consorcio unha colaboración coincidindo con que a universidade a distancia prepara o seu 50 aniversario, que se celebra en 2022 e foi declarado Acontecemento de Excepcional Interese Público.
O reitor da UNED puxo en valor o potencial do Consorcio da Zona Franca de Vigo e mostrou gran interese pola Cátedra Ardán, que Zona Franca desenvolve en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de establecer un mecanismo similar de colaboración.
As actividades deste tipo de cátedras son plurais e van desde a formación e intercambio de persoal e de experiencias ata a realización de proxectos de I+D. O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou que “a UNED pon en valor o traballo que se fai desde hai anos no Consorcio coa Cátedra Ardán, onde se elaborarán estudos sobre a economía galega, o máis recente sobre o impacto do covid; investígase sobre factores de competitividade e boa xestión das empresas, ademais de estudar actividades emerxentes ou sectores cun alto potencial para Galicia”.
David Regades subliñou que “a UNED contará co noso apoio. Agora iniciamos un camiño que nos levará a alcanzar grandes metas xuntos”. Así mesmo, Ricardo Mairal puxo sobre a mesa outras potenciais colaboracións con Zona Franca, como a posibilidade de organizar congresos de innovación e explorar vías de colaboración con motivo do 50 aniversario da institución académica, nacida en 1972, que nesta efeméride quere ir da man do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
En Vigo, a UNED creceu de forma substancial nos últimos anos co apoio do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Conta cun centro no Auditorio Mar de Vigo, onde oferta trece graos, nos que estudan case 1.200 persoas.
Son os graos de Psicoloxía, Dereito, ADE, Educación Social, Historia da arte, Xeografía e Historia, Pedagoxía, Enxeñería Informática, Estudos Ingleses, Ciencias Ambientais, Ciencia Política e Administración, Turismo e Tecnoloxías da Información, así como o curso de acceso. Un 61% dos seus estudantes son mulleres.
Deputación de Pontevedra e a UNED
O papel da Deputación como impulsora da UNED na provincia de Pontevedra quedou hoxe de manifesto durante a visita que o reitor, Ricardo Mairal, realizou ao Pazo Provincial. No libro de honra deixou escrito “Un verdadero honor visitar la Diputación y un verdadero privilegio trabajar conjuntamente en torno a un proyecto universitario común”.
Mairal, que acudiu acompañado do director do Centro Territorial, Víctor González, anunciou a próxima posta en marcha de “proxectos de cara á máxima apertura da Universidade Nacional de Educación á Distancia á sociedade”.
A UNED, que xa está preparando os actos do seu 50º aniversario a partir do ano próximo, incluirá moi especialmente a Pontevedra na celebración da efeméride, pois este centro abriu as súas portas en febreiro de 1973 e foi un dos primeiros de España.
O reitor, coa vista posta xa nestas celebracións, quixo volver visitar tanto Pontevedra, onde xa estivera na apertura dun curso, como a aula de Vigo e estreitar así as relacións coas institucións que forman parte da Xunta Reitora do Consorcio.
Tras destacar a “exquisita sensibilidade da Deputación”, Mairal subliñou que a UNED está comprometida cun proceso de modernización que pasa por unha maior oferta de servizos para contribuír a “unha sociedade máis xusta, máis solidaria, máis respectuosa e, sobre todo, máis cultivada e máis ilustrada”.
A este respecto engadiu que vivimos momentos moi complicados por mor da pandemia, “pero tamén tempos apaixonantes, porque nos ofrecen a posibilidade de debuxar novos escenarios de cara a unha sociedade mellor”.
O reitor lembrou que o 60% da investigación en España nace das universidades e remarcou a plataforma que supoñen os centros territoriais para compartir coñecemento e involucrarse en cuestións como as políticas de empregabilidade e divulgación científica.
O deputado Carlos Font recalcou o “enorme significado” que a UNED ten para a provincia e destacou que ao longo destes últimos 50 anos, o Centro Territorial de Pontevedra e posteriormente as distintas aulas da provincia supuxeron “unha gran oportunidade para moitas persoas”. “A UNED de Pontevedra é o mellor exemplo do que debe ser a colaboración institucional”, remarcou e aplaudiu os cambios que se notan dende a chegada á Dirección de Víctor González, así a conversión de Pontevedra na cabeceira do campus Noroeste, que engloba a un total de 14 centros en varias comunidades autónomas.
Font agradeceu a visita de Ricardo Mairal “porque non tódolos días recibimos ao reitor dunha Universidade con ámbito en toda España” e concluíu que desexar éxitos á UNED nos seus proxectos” é tanto como desexar éxito a toda a sociedade”.