Barcelona | O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asiste en Barcelona, convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, á primeira reunión do grupo de traballo de administracións públicas sobre o proxecto tractor do vehículo conectado, no que participa xunto coa Zona Franca de Barcelona, o xigante de telecomunicacións Cellnex, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, entre outros socios. A presidenta da Deputación e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, tamén asistiu á reunión.
No marco da celebración do Mobile Word Congress (MWC 2021), o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo convocou a primeira reunión das entidades públicas interesadas en impulsar o proxecto tractor do vehículo conectado, un dos compoñentes do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) do Vehículo Eléctrico e Conectado, integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O alcalde de Vigo e presidente da Zona Franca de Vigo, Abel Caballero, asegurou que “queremos que Vigo lidere o 5 G e o automóbil conectado”. David Regades explicou que “Vigo colócase á vangarda do vehículo conectado en España con Zona Franca no primeiro proxecto tractor a fondos Next Generation. É un novo paso tras a presentación da manifestación de interese e agora PERTE (Proxecto Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica).
“Queremos que Vigo lidere o 5 G e o automóbil conectado”
O obxectivo é que o proxecto alcance a dimensión que lle permita ser considerado un “Proxecto País”, destacou. O delegado do Estado subliñou “a importancia que ten para o tecido industrial da automoción liderar o deseño e desenvolvemento de elementos de conectividade e, ao tratarse de infraestruturas necesarias para establecer os diferentes circuítos de probas, faise necesaria a participación das administracións públicas no proxecto”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, engadiu que “a cooperación público-privada é clave para o éxito dun proxecto desta envergadura e os socios teñen o noso apoio para que se converta nun “Proxecto País”, que permita alcanzar fondos Next Generation”.
Ao encontro, celebrado na Zona Franca de Barcelona, asistiron representantes da Generalitat de Catalunya, a Generalitat Valenciana, o Gobierno de Aragón, a Junta de Castilla y León, a Xunta de Galicia, os concellos de Castellolí, Zaragoza, Valladolid e Vigo, a Deputación de Pontevedra, así como os Consorcios da Zona Franca de Vigo e a Zona Franca de Barcelona.
O director xeral de Industria e Peme, Galo Gutiérrez, valorou moi positivamente “a implicación das administracións públicas nun proxecto que impulse os avances tecnolóxicos da industria de automoción, de modo que, coa incorporación da industria das telecomunicacións, as empresas españolas lideren a transición cara ao vehículo autónomo”.
Pola súa banda, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Barcelona, Pere Navarro, destacou que “traballamos para ser un referente en materia de innovación no sector empresarial e industrial. A localización estratéxica do noso polígono e o peso que tradicionalmente tivo o sector da automoción nesta área industrial son dous elementos que nos impulsan a participar activamente neste proxecto”.
O deseño e o desenvolvemento de elementos de conectividade constitúen un reto estratéxico para o conxunto da industria da automoción e a mobilidade e con esta iniciativa España quere asegurarse un papel de liderado nesta transformación.
O proxecto persegue a mellora da competitividade do produto a través da transformación dixital das organizacións, a atracción do mellor talento nacional e internacional, o desenvolvemento da I+D+i que axude a fortalecer o liderado tecnolóxico necesario e a madurez da conectividade.
Os proxectos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia apostan por un modelo de colaboración público-privada para compartir o coñecemento, tanto tecnolóxico como de negocio, da mobilidade conectada, autónoma, sostible e segura.
“Entre as infraestruturas que contempla este macroproyecto está a de Zona Franca de Vigo e CTAG, como socio tecnolóxico, para unha pista de ensaios no Concello das Neves”
Entre as infraestruturas que contempla este macroproyecto está a de Zona Franca de Vigo e CTAG, como socio tecnolóxico, para unha pista de ensaios no Concello das Neves (lindeiro coa Plisan). O proxecto de Zona Franca e CTAG consta de tres partes: unha son os laboratorios de validación dixital; a segunda son as áreas de tests controlados e a terceira parte é a posibilidade de dispoñer de contornas reais, na estrada aberta.