Vigo | Zona Franca de Vigo recoñeceu hoxe ás empresas excelentes de Galicia coa entrega dos Premios Ardán, un acto que completou o aforo do auditorio de Afundación con máis de trescentos representantes do mundo empresarial, económico, social e político.
Doce foron as empresas que recolleron o galardón ao obter o maior número de indicadores. Tamén se entregou un recoñecemento ao exministro de Sanidade, Salvador Illa, pola súa excelencia á fronte dunha carteira crave do Goberno de España durante a pandemia.
O delegado do Estado, David Regades, deu a benvida e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, clausurou un acto no que tamén estivo o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. A conferencia central estivo a cargo do presidente da Fundación Garrigues, Antonio Garrigues Walker.
O delegado do Estado, David Regades, sinalou que “obter un indicador Ardán é certamente difícil e soamente lógranse despois dunha análise obxectiva. As traxectorias destas empresas simbolizan todo o que queremos realzar neste encontro. Son empresas que buscan facer ben as cousas, unha actitude que non entende de tamaños, de actividade ou localización, senón que é transversal e depende da vocación e o compromiso dos líderes empresariais e os seus equipos”, subliñou.
O alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero, asegurou que “Zona Franca é o maior dinamizador económico público do norte e oeste de España”. Das 33.000 empresas galegas analizadas este ano por Ardán, só un 5% alcanzaron os criterios para obter algún Indicador Ardán e son responsables do 54% da riqueza creada por todo o tecido empresarial e do 38% dos novos postos de traballo creados.
“Zona Franca é o maior dinamizador económico público do norte e oeste de España”
A composición en xénero destas compañías é máis equilibrada que a media galega, con menor brecha salarial, e ademais a súa rendibilidade económica supera en máis de 10 puntos porcentuais á media das empresas galegas.
A produtividade, medida pola creación de valor engadido bruto por empregado, triplica á que máis ou menos obteñen as empresas en Galicia. Dese 5% foron 12 as compañías recoñecidas no acto, as que obtiveron seis, cinco ou catro indicadores. Para o delegado do Estado “facelo ben, facéndoo correctamente nunca fora tan importante ante retos como o cambio climático, a innovación tecnolóxica ou as aspiracións cidadás en sociedades avanzadas por garantir a igualdade de oportunidades”.
Neste sentido fixo balance sinalando que “en tres anos de crecemento conseguimos atraer 45 novas empresas que crearon 1.014 empregos máis” e engadiu que Zona Franca é moito máis e referiuse a proxectos a favor da internacionalización, incubadoras e aceleradoras, a colaboración coa Universidade e institutos tecnolóxicos, o World Car Center, o Centro de Servizos ao Transporte ou o novo edificio para a Asociación Down Vigo.
David Regades puxo en valor que Ardán converteuse nun “instrumento de medición para a toma de decisións no ámbito empresarial e institucional”, porque “para mellorar é necesario medir” e “os Indicadores Ardán están apoiados metodológicamente por grupos de investigadores da Universidade de Vigo”, a quen agradeceu o seu apoio coa Cátedra Ardán.
No marco desta excelencia recolleu o seu galardón o exministro de Sanidade, Salvador Illa, que quixo destacar “a decencia na xestión da pandemia” e reivindicou “a utilidade da política, como o mellor servizo que pode facerse á cidadanía”.
En nome das empresas galardoadas interveu a presidenta de Hermasa, Sara Rodríguez, quen salientou que “estes premios son un piar máis que reforzan a Galicia como unha rexión onde merece a pena investir. Grazas ao traballo de institucións como Zona Franca, está a xerarse un ecosistema innovador que nos posiciona como referente na creación de empresas e xeración de emprego”.
Premios á Excelencia empresarial Ardán 2021
AYAN LOGISTICA, O Porriño (4) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada.
CITIC CENSA, O Porriño (4) Gacela/Empresa Global/Empresa Innovadora/Xestión de talento.
COMPAÑIA ESPAÑOLA DE ALGAS MARIÑAS, CEAMSA O Porriño (4) Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Igual en Xénero/Xestión de talento
CORUNET, A Coruña (6) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Global/Xestión de talento
GARMIR MANTEMENTO E SERVIZOS INDUSTRIAIS, XOVE (LUGO) (5) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Circular.
HERMASA VIGO (6) Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/ EmpresaGlobal/ EmpresaInnovadora/Empresa Circular/Xestión de talento IGALIA, A Coruña (6) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada/Empresa Global.
INSTITUTO DE ESTUDOS CELULARES E MOLECULARES, LUGO (4) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada
LUGAR DÁ VEIGA, CHANTADA (LUGO) (4) Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada
OVAPISCIS, #BALEIRA (LUGO) (4) Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada
POLIRRÓS, O Rosal (4) Gacela/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Circular
RODAVIGO, MOS (5) Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Innovadora/Empresa Circular.