Zona Franca e UVigo apostan pola inclusión tecnolóxica

Co 1º Bootcamp Inclusivo de Tecnoloxía en colaboración coa Fundación Adecco e KIDCODE

Vigo | A High Tech Auto da Zona Franca de Vigo acolleu o 1º Bootcamp Inclusivo de Tecnoloxía, unha experiencia piloto de formación organizada pola Universidade de Vigo coa colaboración da Fundación Adecco e a participación de KIDCODE, empresa especializada no ensino tecnolóxico responsable para públicos diversos, que pretende achegar a persoas con discapacidade intelectual ferramentas tecnolóxicas de última xeración, favorecendo así a súa autonomía persoal, a súa empregabilidade e a súa participación na sociedade dixital.

A HTA ofreceu unha contorna de innovación e un laboratorio con tecnoloxía punteira, onde participaron mozas con discapacidade intelectual cubrindo todas as prazas dispoñibles. A formación tivo un enfoque práctico, e inclusivo, combinando contidos como programación, robótica, impresión 3D e intelixencia artificial, con metodoloxías activas e acompañamento personalizado. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, asistiu á formación e puido compartir cos e as participantes o seu interese por estas ferramentas tecnolóxicas.

“O uso das novas tecnoloxías debe ser universal e inclusivo e desde as institucións temos o deber de apoiar e buscar opcións para que chegue a toda a sociedade”. O delegado insistiu en que “a innovación é o camiño para que todas as persoas, á marxe das súas diferentes capacidades, dispoñan dunha formación adecuada para o seu desenvolvemento persoal e un mellor acceso ao mercado laboral”.

No futuro, tal e como xa explicou a Universidade, este bootcamp aspira a converterse nunha microcredencial adaptada e en liña coa crecente demanda de competencias dixitais en todos os sectores profesionais. A iniciativa xorde do compromiso de Zona Franca e UVigo coa innovación social e a inclusión, e parte da necesidade de superar a brecha no acceso á formación tecnolóxica por parte do alumnado con discapacidade intelectual. De feito, desde a institución académica aseguran que tanto o alumnado de EMAU como outras persoas mozas con discapacidade intelectual, está moi interesado no uso da tecnoloxía, pero non reciben oportunidades formativas ao redor dela.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.