Forcarei | A Zona Franca de Vigo elaborará un plan estratéxico de Forcarei e o seu entorno, Tabeirós-Terra de Montes, que inclúa un diagnóstico territorial, obxectivos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida.
O delegado do Estado, David Regades, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, asinaron o protocolo e visitaron os terreos onde o municipio estuda a instalación dun novo parque empresarial en colaboración con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA).
David Regades destacou que o Consorcio “pon a disposición do Concello unha monitorización da actividade económica, para tomar decisións que incidan na mellora da competitividade do entorno e poder impulsar actividades que xeren un impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sostibilidade no longo prazo”.
Para Verónica Pichel “este convenio supón unha gran oportunidade para incrementar o potencial económico de Forcarei e fortalecer o seu tecido empresarial”.
A alcaldesa precisou que “un plan estratéxico destas características axudaranos a definir as liñas de actuación para impulsar o crecemento económico do concello, tendo en consideración ao empresariado actual, os sectores tradicionais e os posibles negocios emerxentes”.
“Un plan estratéxico destas características axudaranos a definir as liñas de actuación para impulsar o crecemento económico do concello”
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo xa asinou nas últimas semanas protocolos cunha vintena de municipios da provincia de Pontevedra que permitirá contar cunha análise económica actual e única da área de influencia do Consorcio.
A crise sanitaria acelerou a transición a un novo paradigma económico e social e toda esta transformación creará tamén novas oportunidades para as actividades e formas de negocio do tecido empresarial.
Así que Zona Franca quere contar cunha folla de ruta para o establecemento de actuacións individuais ou en colaboración con axentes económicos e sociais que permita despregar accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e creación de emprego na súa área de influencia.
O obxectivo deste plan pasa por deseñar unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara a retos futuros, aproveitar as sinerxías e o potencial do territorio, así como as posibilidades de colaboración público-privada, definir actuacións específicas que supoñan un impulso para o crecemento económico e articular liñas de actuación, acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030.
“O Plan ten un total de sete fases”
O Plan ten un total de sete fases. A primeira é o diagnóstico estratéxico coa recompilación de información e datos. Este traballo comprenderá unha análise profunda da situación socioeconómica actual e terá en conta a repercusión social e económica que está a ter a crise do Covid-19.
Estudiaranse a economía e o tecido empresarial, a tecnoloxía, innovación e internacionalización, o entorno político e legal, sociedade e cultura, demografía, medio ambiente e sostibilidade, tendencias e iniciativas actuais de interese e nivel de desenvolvemento. A información sintetizarase nunha matriz DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades).
A segunda fase son os workshops, coa participación dos axentes institucionais en xornadas dentro dun proceso participativo e a recompilación de opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes.
Ademais analizaranse casos de éxito, proxectos exitosos que tiveran resultados notábeis a nivel nacional ou internacional e que poidan resultar referentes inspiradores.
Finalmente fixaranse os obxectivos e liñas estratéxicas cun plan de desenvolvemento estratéxico e un plan operativo, que conterá un desglose detallado, específico e realista de accións, actuacións e instrumentos a implementar.
As dúas últimas fases son, por unha banda, a folla de ruta coas propostas de colaboración e instrumentos públicos de axuda e, por outra, a formulación dunha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións emprendidas e permita a toma de decisións e establecemento de medidas correctoras.
Haberá un grupo de traballo de seguimento e o protocolo terá unha duración de 4 anos.