Tomiño | Os empresarios de Tomiño coñeceron de primeira man as posibilidades que ofrece o Consorcio da Zona Franca de Vigo para as súas empresas, tanto en chan como financiamento e apoios.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades mantivo un encontro cunha vintena de empresarios de transportes, metal, pedra, sector hortícola e agrícola, así como asociados de Adeto, a asociación de comerciantes e hostaleiros de Tomiño, e de Coxapo, asociación de traída de auga rural, para achegarlles todas as ferramentas do Consorcio. Estivo acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba; así como a portavoz municipal do PSOE en Tomiño, Violeta de Santiago.
David Regades destacou que “os instrumentos da Zona Franca están ao servizo das empresas para crear emprego” ademais de subliñar que “esta reunión é un exemplo de que poden pedirnos este tipo de encontros para coñecer que ferramentas pode ofrecer o Consorcio, como é o caso de Vigo Activo, que estuda calquera proxecto que mostre solvencia. De feito, a sociedade de capital risco de Zona Franca ten inxectados 25 millóns de euros en empresas galegas”, destacou. Engadiu que “Zona Franca é unha ferramenta do Goberno de España para o desenvolvemento económico, a innovación e o emprego”.
En Tomiño reuníronse representantes de empresas de sectores como transportes, metal, pedra, sector hortícola e agrícola, así como membros da asociación Adeto, de comerciantes e hostaleiros de Tomiño, e de Coxapo, asociación de traída de auga rural, que se interesaron especialmente polas ferramentas de financiamento do Consorcio, o acceso a apoios para a internacionalización ou as características do chan franco. Asistiu tamén á reunión a portavoz municipal do PSOE, Violeta de Santiago, quen destacou “a preocupación pola falta de chan industrial e de oportunidades para os mozos, que teñen que marcharse para desenvolver o seu proxecto vital”.
Precisamente, Zona Franca ten en marcha un plan estratéxico para o sector hortofrutícola do Baixo Miño cuxo obxectivo é contribuír a unha mellora da competitividade desa contorna. O traballo, que está na fase final e pronto se presentarán os resultados, incluirá un exhaustivo diagnóstico sectorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de roteiro con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade da actividade hortofrutícola, que repercuta no desenvolvemento económico da comarca e a calidade de vida dos seus habitantes.
A Zona Franca de Vigo conta con 8 millóns de metros cadrados, en seis parques empresariais nos que están instaladas 705 empresas con máis de 20.000 empregos. Nos últimos 4 anos Zona Franca captou 45 novas empresas e 1.100 novos empregos.