O Porriño | O pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo coñeceu hoxe a proposta realizada pola empresa adxudicataria para situar en Porriño, en terreos que suman 31,7 hectáreas, o Centro de Servizos ao Transporte. A proposta xa ten luz verde do comité executivo.
Os terreos están situados ao Norte e ao Sur do ramal de unión entre a A-55 e a AP-9 e trátase dun chan de equipamentos do PXOM. Coa identificación do terreo, a adxudicataria, a UTE Innov. Ciudad e Territorio (I-CITE)- Teirlog Enxeñería-Irisarri Piñera, poderá continuar cos traballos e comezar a redacción do Proxecto Sectorial e do Proxecto de Urbanización, así como as consultas a organismos e administracións necesarias.
No estudo de localización analizáronse 43 posibles bolsas de chan nos concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Ponteareas, Tui e Salceda de Caselas. Destas 43 bolsas analizadas, a consultora pasou a analizar con maior detalle 9 localizacións posibles. Finalmente a adxudicataria recomenda unha superficie de 31,7 hectáreas en Porriño.
Os puntos fortes da localización proposta son a súa dimensión, que permitiría crear un CST con proxección de futuro; a súa localización privilexiada, porque dá servizo tanto ao tráfico xerado pola A-55 como pola AP-9 e pode axudar a canalizar tráfico pesado que hoxe se move pola conxestionada A-55 cara á AP-9, ademais de que permite dar servizo ás zonas industriais da Granxa, As Gándaras e outros chans industriais da área; a súa cualificación no PXOM como industrial; e a súa orografía sinxela.
O investimento en infraestruturas ascendería a uns 5,6 millóns de euros, á que habería que engadir o custo de adquisición e a urbanización interior e dotacións de servizos. Agora haberá que iniciar consultas con Concello, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica, Consellerías, Demarcación de Estradas, Autoestradas do Atlántico ou compañías titulares de servizos.
Zona Franca opta así por un proxecto máis ambicioso do inicial, que era de 10 hectáreas, e que permitirá non só a asistencia ao vehículo e á tripulación, senón que tamén facilitará un desenvolvemento futuro.
A existencia dun Centro de Servizos ao Transporte é unha das principais demandas do sector empresarial da área económica de Vigo. O CZFV, sensible á devandita necesidade, tomou a iniciativa de promocionar a implantación dunha infraestrutura de dita características.
Para iso, comezou pola adxudicación dun contrato cuxo obxecto é, entre outros aspectos, un estudo de localización e deseño funcional do indicado centro.