Baiona | A Zona Franca de Vigo analizou con axentes sociais e económicos da área de Vigo, que inclúe Val Miñor, Morrazo, Redondela e Salceda, os sectores o turismo, a industrialización e as infraestruturas, así como o reto demográfico, no quinto e último workshop do Plan Estratéxico da provincia.
Tralas reunións de Tui, Salnés-Caldas, Pontevedra e Tabeirós-Deza-Terra de Montes, chegou a quenda da mesa de traballo da área de Vigo, para completar a análise coas súas achegas.
En Baiona reuníronse nunha mesa de traballo Anfaco, Asime e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona. Ao workshop asistiron, ademais do delegado da Zona Franca, David Regades; os alcaldes de Baiona, Carlos Gómez; Gondomar, Francisco Ferreira; e Nigrán, Juan González; así como as alcaldesas de Salceda; Verónica Tourón; e Moaña, Leticia Santos.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que “estas mesas de traballo foron de moita utilidade para coñecer as necesidades de cada área e para converter este plan nun dos piares para o crecemento económico da provincia”.
Neste sentido quixo agradecer “a boa disposición de todos os axentes sociais e económicos, que empregaron o seu tempo para trasladarnos a súa visión co obxectivo de que os seus territorios avancen”. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, foi o anfitrión da mesa de traballo e sinalou que “no Val Miñor debemos dar pasos cara a adiante porque temos a fortaleza de estar á beira da primeira cidade de Galicia. Por iso debemos ser xenerosos para que este plan estratéxico beneficie aos veciños e veciñas e as empresas, para que a provincia sexa un referente”.
O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, destacou “que temos cuestións a mellorar nesta área da provincia, como é o transporte público, a dixitalización, a capacidade hostaleira ou a auga”. Pola súa banda, o rexedor de Nigrán, Juan González, subliñou que “este plan estratéxico pódenos servir para coñecer a situación na que estamos e a partir de aí tomar medidas de futuro”.
Mentres, a rexedora de Moaña, Leticia Santos, quixo “agradecer que Zona Franca conte cos concellos, porque somos a administración máis humilde pero a que dá a primeira resposta ás veciñas e veciños”. Puxo sobre a mesa “a necesidade de mellorar a infraestrutura para un uso eficiente da auga, porque pode limitar o crecemento das empresas”.
Finalmente, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, destacou pola súa banda como áreas de mellora “o saneamento, tamén o transporte e as comunicacións, así como a auga”. Previamente realizáronse entrevistas persoais a 35 axentes e realizouse a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo. Agora a folla de roteiro continúa e trátase de focalizar e recoller ideas.
Estas mesas de traballo foron deseñadas para identificar liñas de traballo e proxectos que dean resposta aos retos demográficos, económicos e de desenvolvemento sostible aos que se enfronta a provincia. Ao longo das próximas semanas reunirase a última mesa, a da área de Vigo con Morrazo e Val Miñor.
As consultas aos axentes, complementa un diagnóstico global e pormenorizado por división económica no que se recolle a situación social e económica da provincia, así como as oportunidades e principais desafíos para os próximos anos. De todas estas achegas sairá un documento de liñas estratéxicas e posteriormente o plan operativo con accións concretas.