Vigo | Zona Franca reunirá por primeira vez en Galicia a dous premios Nobel de Economía en Viglobal Summit 2023, co lema “A economía do futuro”. Paul Krugman e Abhijit Banerjee estarán no Auditorio Mar de Vigo o 27 e 28 de xuño coincidindo co 75 aniversario do Consorcio.
A empresaria Bisila Bokoko ou Pedro Siza, exministro de economía de Portugal, tamén estarán entre os líderes de opinión que se reunirán no congreso, que terá conferencias e mesas redondas nas que se analizarán os principais desafíos mundiais.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde, Abel Caballero; e Santiago Lago, director Editorial Vigo Global Summit 2023, presentaron o programa do congreso que reunirá durante dous días na cidade para recoñecidos expertos mundiais en economía.
David Regades explicou que “nun momento de tantas incertezas, en Vigo estaremos a marcar a folla de roteiro do futuro económico cun congreso de nivel internacional, no que participarán os mellores, entre eles dous Premios Nobel.
De todos os desafíos do momento e das súas solucións falarase en Vigo a finais de xuño”. Abel Caballero destacou que “Zona Franca é un motor da economía e a economía ten que ir á beira da acción política en democracia, xunto coas empresas”. Subliñou que neste congreso “exporanse grandes análises, que teñen que dar paso ás grandes transformacións, como son a visión de Krugman en liña co keinesianismo e a concepción riqueza-pobreza de Banerjee, sumado á visión necesaria do medio ambiente e a revolución do feminismo”.
O obxectivo deste encontro é ofrecer un marco apropiado para a reflexión colectiva, da man de líderes de análises e opinión, auténticas referencias no mundo da economía, os negocios e a política, que propoñerán solucións para afrontar tanto os retos imprevistos como os desafíos a longo prazo.
As voces autorizadas que tomarán parte no congreso económico de Vigo estarán lideradas polas de dous homes de indubidable prestixio, que comparten a honra de recibir o Premio Nobel de Economía, Paul Krugman e Abhijit Banerjee. As súas confirmadas participacións no Viglobal Summit 2023 elevan a relevancia do encontro ata situalo en niveis de influencia internacional, que colocarán o nome de Vigo e de Galicia en medios de comunicación de todo o mundo.
Paul Krugman
Falar de Paul Krugman é facelo dun dos economistas máis importantes das últimas décadas, mesmo antes de que, en 2008, recibise o premio da academia sueca.
O galardón chegoulle polas súas contribucións á Nova Teoría do Comercio e á Nova Xeografía Económica. Krugman publicou máis dunha vintena de libros, entre eles, “Economía Internacional: A teoría e política”, obra absolutamente básica para comprender as reviravoltas da economía internacional.
Os seus artigos en The New York Times, escritos baixo o título de “A conciencia dun liberal”, continúan sendo, a día de hoxe, referencia indiscutible para economistas, empresarios e políticos de máximo nivel en todo o planeta.
A conferencia de Krugman en Vigo centrarase na análise da conxuntura a escala global. Unha conxuntura marcada, entre outros vectores, polo brusco cambio na orientación da política monetaria a ambos os dous lados do Atlántico e por unha redefinición das relacións políticas e económicas a escala global, na que destaca a reacción #ante as debilidades das cadeas loxísticas globais que a pandemia mostrou con nitidez e a pugna polo liderado en sectores crave para o futuro, como a intelixencia artificial.
Abhijit Banerjee
A participación de Paul Krugman será, en certa maneira, complementaria coa do segundo premio nobel convidado a Vigo. Trátase do indio Abhijit Banerjee, que foi galardoado co Nobel de 2019 xunto á súa esposa, Esther Duflo, e a Michael Kremer.
Profesor Internacional de Economía da Ford Foundation, no prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT), Banerjee foi premiado pola academia sueca polos seus estudos experimentais para aliviar a pobreza global.
A súa participación en Viglobal Summit 2023 centrarase nos desafíos estruturais e de longo prazo para conseguir o benestar económico a escala global. Tendo en conta que o desenvolvemento dos países hoxe máis atrasados debe facerse dentro duns parámetros diferentes aos de hai unhas décadas, Banerjee é consciente de que o planeta non pode permitirse un crecemento despreocupado da súa pegada ecolóxica e dos seus efectos sobre o quecemento global. Por tanto, é a hora de pensar en como cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible impulsados polas Nacións Unidas nun mundo actual cheo de condicionantes.
Líderes de opinión en Viglobal Summit 2023
Viglobal Summit 2023 reunirá, ademais de dous en dous Premios Nobel de Economía, a reputados analistas, policymakers, expertos en comunicación, empresarios e directivos.
Bisila Bokoko
Nada en Valencia, de familia guineana, Bisila Bikoko é unha empresaria de recoñecido prestixio mundial cunha marcada vertente filantrópica, que lle levou a protagonizar diferentes iniciativas vinculadas coa alfabetización e o empoderamento da muller en África. Experta conferenciante sobre liderado global, Bikoko foi galardoada como “Cidadá do Mundo” polas Nacións Unidas e a propia ONU confía nela como presidenta do Consello Executivo e anfitrioa dos Premios EMPRETEC á Muller na Empresa.
Pedro Siza Vieira
Avogado de formación e político do Partido Socialista de Portugal, Pedro Siza Vieira formou parte ata o ano pasado do Goberno de Antonio Costa como ministro de Economía e Transición Dixital. Actualmente traballa como socio do despacho de avogados PLMJ en Portugal. Antes de incorporarse ao gabinete luso, Siza Vieira protagonizou unha brillante e dilatada traxectoria no campo da avogacía á fronte da oficina lisboeta do bufete de avogados Linklaters.
O programa definitivo de Vigo Global Summit contará coa participación de máis dunha decena de líderes de opinión do ámbito económico, empresarial e de comunicación que se irán coñecendo en próximas datas.
Mesas de Análises con desafíos e solucións
Viglobal Summit 2023 poñerá o foco en tres ámbitos concretos e a cada un deles dedicará unha mesa redonda. Na primeira delas falarase sobre emprendemento e dinámica empresarial e con casos de éxito empresarial.
A segunda mesa centrarase no sector financeiro, un terreo transversal en plena transformación, que é o escenario dalgunhas das preocupacións diarias de toda a sociedade. Por último, o terceiro encontro de debate abordará a cuestión de como promover o desenvolvemento de cidades e rexións, creando espazos prósperos e proclives á innovación, con indubidable atractivo para fixar poboación e para recibir iniciativas empresariais.